Unha xornada con 33 recuperados e con só 4 persoas con coronavirus hospitalizadas na área sanitaria
Por Diego Espiño
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés segue mellorando os seus rexistros de afectados por coronavirus, a teor do que reflicten os datos oficiais ofrecidos este martes 5 de maio pola Consellería de Sanidade.
Segundo estas cifras permanecen activos 155 casos positivos de Covid-19, o que supón un descenso de 27 nas últimas 24 horas. Ademais as hospitalizacións seguen descendendo e xa só quedan 4 persoas ingresadas por estas circunstancias, polas 7 do día anterior, todas elas en planta manténdose baleira de coronavirus a Unidade de Coidados Intensivos.
Estes pacientes atópanse repartidos entre os hospitais de Montecelo (2), O Salnés (1) e QuirónSalud Miguel Domínguez (1).
O resto de 151 casos evolucionan nos seus domicilios.
No que respecta a as recuperacións, na última xornada curáronse 33 persoas para un total de 624 pacientes desde o inicio da alerta sanitaria, mentres que os falecementos asociados á COVID-19 mantéñense en 16.
A nivel autonómico a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia ascende a 2.819, dos que 669 son da área da Coruña, 179 da de Lugo, 541 da de Ourense, 696 da área de Vigo, 451 da de Santiago, e 128 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 37 permanecen en UCI, 226 están en unidades de hospitalización e 2.556 no domicilio. Por agora, na comunidade hai un total de 6.561 persoas curadas, rexistrándose 573 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 106.081 e o número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais supoñen o 2,2% do total das persoas residentes. Hai un total de 547 usuarios e 291 profesionais contaxiados e faleceron 130 persoas en residencias e 129 en hospitais e residencias integradas.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
O Sergas ten ao dispor da cidadanía unha páxina web específica, na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Relacionadas:
-
Xa non hai ningún paciente COVID positivo hospitalizado en Montecelo
Por Oskar Viéitez |
-
Balance do coronavirus na área sanitaria: dez pacientes curados e cinco casos activos máis nun día
Por Natalia Puga |
-
A Unidade de Coidados Intensivos de Montecelo, baleira de pacientes positivos por coronavirus
Por Diego Espiño |
-
A área sanitaria suma 12 novos pacientes con coronavirus curados e redúcense as hospitalizacións
Por Natalia Puga |
-
Catorce curados nun día e só un paciente en UCI por coronavirus na área sanitaria
Por Natalia Puga |
-
Falece en Montecelo un home de 67 anos diagnosticado de coronavirus, a vítima número 16 na área sanitaria
Por Diego Espiño |