Sospeitan que a morte de peixes no Lérez foi por unha baixada repentina na salinidade da auga
Por Oskar Viéitez
A Garda Civil investiga as posibles causas da mortalidade de peixes ocorrida a pasada fin de semana no río Lérez, ao seu paso por Pontevedra.
Segundo comunicaron fontes oficiais do instituto armado, os primeiros peixes apareceron o venres, día 1 de maio, no límite superior da zona de desembocadura do río, entre a ponte do ferrocarril de Monte Porreiro e a praia fluvial.
Tendo en conta o gran caudal destes días por mor das choivas e a acción das mareas os peixes mortos dispersáronse ata chegar máis aló da ponte da autoestrada que cruza a ría de Pontevedra.
Co auxilio e colaboración do Servizo Marítimo Provincial da Garda Civil, o Seprona percorreu e inspeccionou o tramo superior da desembocadura do río, sen que se atopasen máis peixes mortos nin rastro de verteduras tóxicas.
As investigacións realizadas polo Seprona conclúen que a mortaldade foi selectiva. Non afectou á fauna piscícola fluvial só a especies mariñas, fundamentalmente á especie coñecida como salpa ou salema, que normalmente se despraza en grandes bancos pola parte do río de auga salobre. Tampouco se atoparon evidencias nítidas dun posible vertido, xa que de ser así afectase a toda a fauna. A pesar diso, tomáronse mostras de auga para a súa posterior análise.
Este episodio, tan singular, pódese asociar por analoxía co sucedido a comezos do mes de marzo onde pasou algo similar. En ambas as ocasións no marco temporal de abundantes choivas. A teor das consultadas realizadas con científicos relacionados con esta materia, non se descarta unha posible causa natural, como podería ser unha baixada repentina na salinidade de auga.