Educación licita a rehabilitación do CEIP Xulio Camba de Vilanova de Arousa para comezar as obras no verán
Por Redacción
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de publicar na plataforma de Contratos de Galicia a licitación da obra de rehabilitación integral do CEIP Plurilingüe Xulio Camba en Vilanova de Arousa, por un importe total de 859.678,08 euros.
Está previsto executar os traballos de interior en verán e compatibilizar o remate dos de exterior co reinicio da actividade docente. As obras teñen un prazo de execución de 3 meses e son susceptibles de cofinanciamento polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80 %.
As actuacións programadas inclúen unha parte específica dirixida a mellorar a eficiencia enerxética do centro, para o que será necesario cambiar a actual cuberta por unha nova de panel sándwich de chapa de aceiro galvanizado con recheo de espuma de poliuretano, así como os canlóns e as baixantes.
Así mesmo, colocaranse paneis de la de roca para o illamento, sobre forxado baixo cuberta en ambos edificios e illaranse as súas fachadas de ladrillo.
As obras continuarán polas fiestras, que serán substituídas unhas novas de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo nos dous edificios. Tamén se cambiarán as persianas, que disporán de aluminio con illante térmico interior.
Ademais, instalaranse novas luminarias con tecnoloxía LED, así como equipos de regulación e detección no edificio de educación infantil e na planta baixa do edificio de educación primaria.
O programa de rehabilitación inclúe a mellora xeral das instalacións de calefacción, saneamento, fontanería e de electricidade, así como a eliminación de barreiras arquitectónicas do edificio de educación primaria, mediante instalación dun ascensor e execución dun aseo adaptado en planta baixa. Tamén se substituirán os falsos teitos da planta baixa do edificio de infantil e colocaranse paneis fonoabsorbentes nas estancias do edificio que carecen de falso teito.
A maiores limparanse e pintaranse os paramentos verticais e teitos de todas as estancias e reorganizaranse espazos dentro dos edificios, como o local da ANPA, as salas de psicomotricidade e pedagoxía terapéutica ou a biblioteca, entreoutros.
Relacionadas:
-
Un millón de euros para mellorar o firme en estradas de Vilanova, Vilagarcía, Caldas, Barro e Meis
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Vilanova dedicará rúas a Amancio Ortega, á Garda Civil, ao Exército ou aos sanitarios
Por Oskar Viéitez |
-
O goberno de Vilanova renuncia ao seu soldo de abril para comprar unha máscara para cada veciño
Por Natalia Puga |