Amigos de Galicia logra emprego para 11 persoas na provincia, pese ao estado de alarma
Por Redacción
A Fundación Amigos de Galicia tivo que pechar as súas dúas oficinas de atención ao público na provincia, na cidade de Pontevedra e en Vilagarcía, durante o presente estado de alarma. Pero esta circunstancia non impediu a continuidade do seu servizo de orientación laboral.
O persoal da Fundación Amigos de Galicia segue ofrecendo o servizo de orientación laboral mediante a modalidade de teletraballo, a través de chamadas telefónicas e correos electrónicos coas persoas orientadas e as empresas.
En total, foron 123 as atencións de orientación laboral que o persoal da provincia de Pontevedra realizou durante o mes de abril e logrouse a inserción laboral de 11 persoas.
A pesar deste éxito, as xestións complícanse pola situación de inestabilidade económica que estamos a vivir. "Unha gran cantidade de empresas están a sufrir os efectos económicos da pandemia e como consecuencia baixaron notablemente as ofertas de traballo dispoñibles", informan desde a entidade.
Ao descenso de oportunidades laborais únese unha redución dos sectores que ofrecen emprego. "Aumentaron os traballos nos servizos de limpeza, traballos da área sociosanitaria, traballos relacionados coa alimentación como operarios de cadea de produción, caixeiros, repoñedores, mozos de almacén. Traballos da área de loxística, condutores-repartidores", constatan desde Amigos de Galicia.
Ademais de centrarse na procura de emprego, o persoal de orientación laboral da entidade tamén realizou numerosas atencións centradas en solucionar dúbidas para a descarga de vidas laborais, como solicitar axudas para as situacións de ERTE, saber se se ten dereito ou non a percibir algún tipo de prestación ou axuda familiar, como darse de alta na demanda de emprego e tamén formación específica para persoas acollidas a un ERTE.
O servizo de orientación laboral da Fundación Amigos de Galicia é totalmente gratuíto e desde a entidade ofrecen un teléfono de consulta, 661 777 352, ao que se une o Boletín de Ofertas de Emprego semanal, ao que se pode acceder a través da ligazón: https://www.fundacionamigosdegalicia.org/emprego/ofertas-de-emprego-2020
Relacionadas:
-
A Fundación Amigos de Galicia realiza un novo envío de roupa e diverso material para o proxecto 'Ilusión por Angola'
Por Redacción |
-
Amigos de Galicia habilita un formulario para que familias con problemas económicos pidan axuda
Por Redacción |
-
Oito de cada dez pontevedreses en ERTE son traballadores do sector servizos
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello de Vilagarcía planifica a súa volta á actividade de forma gradual a partir do luns próximo
Por Redacción |
-
Pontevedra ten preto de 160 negocios e comercios activos
Por Redacción |