Carmela Silva critica a actitude "absolutamente irresponsable" de Feijóo por rexeitar a prórroga do estado de alarma
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva dixo estar "moi preocupada" polo que entende como unha actitude "absolutamente irresponsable" do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo co seu rexeitamento a que se prorrogue o estado de alarma.
En resposta ás preguntas dos xornalistas nunha comparecencia telemática celebrada este luns, a presidenta da Deputación sinalou que, ao seu xuízo, resulta "absolutamente contraditorio" a formulación que defende a día de hoxe o líder dos populares galegos coas súas propias declaracións expresadas días atrás.
Así, lendo un papel, Carmela Silva citou algunhas declaracións de Feijóo como as do pasado 12 de marzo nas que aseguraba que "as eleccións autonómicas en Galicia son absolutamente secundarias, o único que importa é a saúde pública" e outras do 24 de abril cando dixo "as eleccións non forman parte da miña axenda".
Neste sentido a mandataria socialista preguntouse "que ocorreu para ese cambio tan radical de opinión? Agora si son as eleccións en Galicia a maior urxencia para o presidente Feijóo?".
Esta postura do presidente da Xunta é "absolutamente irresponsable", segundo reiterou a presidenta da Deputación de Pontevedra, ao "poñer os intereses electorais ou partidarios por enriba dos intereses sanitarios".
A presidenta provincial lembrou que expertos como Benito Regueiro, catedrático e xefe de servizo de Microbioloxía do CHUVI, insistiron na toma de precaucións en Galicia diante dunha posible segunda onda epidémica, tendo en conta que a circulación do virus foi moi baixa e iso implica que boa parte da poboación non desenvolveu anticorpos.
Nesta liña Carmela Silva pediu "prudencia e cautela" xa que "o risco segue estando moi presente" porque "o bicho segue aí, o virus non marchou" polo que pediu que o Goberno central poida ter "marxe de manobra" para o "control" do proceso de desescalada e "evitar novos contaxios".
"A que veñen estas presas? Será porque Feijóo cre que lle favorecen as eleccións en xullo?", dixo Carmela Silva.
A presidenta pontevedresa insistiu en que as comunidades autónomas carecen de instrumentos legais para facer fronte ás normas da desescalada que afectan á liberdade de circulación. Tamén rexeitou que Lei Xeral de Saúde Pública e a Lei Orgánica de Medidas Especiais en Materia de Saúde Pública poidan paralizar un dereito fundamental recollido na Constitución.
"Vai asumir Feijóo os efectos dun posible novo contaxio? Se o mércores non se avala manter o estado de alarma Feijóo será responsable", advertiu Carmela Silva.
Igualmente avisou de que "lle esixiremos responsabilidades" ao presidente da Xunta "se xorden novas dificultades que impidan tomar novas medidas para frear unha nova escalada".