Benestar Social aumenta a partida económica destinada a Axudas de Emerxencia Social en Pontevedra

Por Redacción
A crise económica derivada da pandemia por COVID19 levou ao Concello de Pontevedra a duplicar a contía económica destinada a Axudas de Emerxencia Social Municipal. Así, a Concellería de Benestar Social tramitaba este luns unha modificación de crédito de 100.000 euros que se engaden a unha cantidade idéntica que xa estaba consignada a tal fin.
A Concellería dispoñerá de 200.000 euros para as citadas Axudas de Emerxencia e para responder a situacións de vulnerabilidade provocadas pola actual conxuntura. Para estes efectos, a Xunta de Goberno celebrada este luns aprobaba unha liña específica de subvencións en especie que contan cunha achega de 30.000 euros. Unha cantidade que podería aumentarse atendendo ás demandas que poidan xurdir.
A concelleira socialista Paloma Castro, titular desta área municipal, indicaba que "o obxectivo destas axudas é atender a persoas ou familias que se vexan en situacións de insolvencia ou carencia de medios propios para a provisión de alimentos ou de produtos de primeira necesidade". Para recibilas será necesario un informe técnico que faga constar que non se dispón de recursos e necesítase a intervención.
Establécense criterios de valoración como presencia de menores, problemas socio-familiares que impidan a provisión de alimentos e bens de primeira necesidade, situación de desemprego ou ausencia de ingresos para atender as necesidades básicas. Atendendo ás valoracións as achegas en especie oscilarán entre os cen e os douscentos cincuenta euros mensuais. Estas axudas atenderán a situacións sobrevindas coa entrada en vigor do estado de alarma ata o 31 de decembro deste ano se Benestar Social constata a necesidade que se manteñan ata entón.
Relacionadas:
-
'Reinicia o teu negocio', o plan de #PonteLovers e a Asociación de Autónomos para asesorar ao comercio local
Por Redacción |
-
Oito de cada dez pontevedreses en ERTE son traballadores do sector servizos
Por Alejandro Espiño |
-
Preocupación entre as entidades sociais de Pontevedra polo aumento da demanda de alimentos
Por Oskar Viéitez |