O PP de Barro pide un pleno extraordinario e propón eliminar as taxas municipais á hostalaría e o comercio
Por Redacción
O grupo municipal do PP de Barro mantivo este sábado unha serie de reunións con varios hostaleiros do municipio e, despois de ter constancia das súas "dificultades económicas", anunciou que pedirá no pleno da corporación que se eliminen as taxas municipais que afecten aos sectores das hostalaría e o comercio.
O PP presentará unha moción ao pleno para pedir, en concreto, a eliminación do imposto de recollida de lixo e das taxas pola instalación de terrazas desde o inicio do estado de alarma.
En relación coas terrazas, tamén piden que se permita de forma excepcional e temporal unha maior ocupación da vía pública para a instalación das terrazas, pois sostén que ampliando a superficie poderán dispor de máis mesas e, polo tanto, atender un maior volume de clientela ao tempo que cumpren cos requisitos establecidos polo Goberno estatal e garanten a accesibilidade e as vías de paso para os peóns.
Desde o PP critican que pediron publicamente varias veces reunirse co grupo de goberno de Barro para abordar os problemas derivados do coronavirus cunha fronte común e aínda non tiveron resposta, de maneira que decidiron presentar unha moción para o seu debate en pleno.
Dentro das súas críticas ao goberno local, o PP sinala que en Barro hai un "goberno en modo pausa" que "só se activa cando o PP se move ou crítica a pasividade dos nacionalistas", de maneira que "van a remolque".
A moción presentada polo PP pide ao goberno local a convocatoria urxente dun pleno extraordinario e anuncia que van esixir "que se proceda a render contas de como se está a proceder coa xestión de cobro dos impostos municipais".
Ademais, vai solicitar "máxima difusión e transparencia de como se está a levar a cabo o reparto dos 30.000 euros que o Concello recibiu da Deputación de Pontevedra e os 58.000 concedidos pola Xunta de Galicia para combater os efectos derivados do coronavirus.
Tamén propoñen un expediente de modificación do crédito orzamentario correspondente ao exercicio 2020.
Relacionadas:
-
Barro reparte material de protección entre os comercios que reabriron
Por Redacción |
-
Barro axuda a familias necesitadas con vales de compra para alimentos, produtos de hixiene e farmacéuticos
Por Redacción |
-
O PP de Barro reclama ao Concello que acometa canto antes diversas melloras na zona de Barosa
Por Redacción |