Reparan farois e semáforos danados ou avariados para preparar a cidade para a desescalada
Por Redacción
Aos traballos de mantemento de espazos públicos urbanos, iniciados hai dúas semanas, o goberno municipal vén de sumar agora unha nova actuación que ten como obxectivo que o centro urbano estea perfectamente acondicionado para a fin do confinamento domiciliario.
Trátase dunha serie de reparacións na rede de subministro eléctrico na contorna das luminarias e o pintado e lixado tanto de farois como de semáforos que presentan corrosión. Ambas intervencións supoñen un investimento de preto de 95.000 euros.
O contrato de reparación de avarías na iluminación pública no núcleo urbano, adxudicado a Meldosa, inclúe a localización de avarías, substitución de luminarias, lámpadas e equipos danados por sobretensións, a revisión de conexións e cables, e traballos en beirarrúas para a substitución de tubaxes e a conseguinte reposición de pavimento.
Pola súa banda, o contrato de pintado de farois, adxudicado a Inconsa, inclúe traballos de lixado e cepillado para posterior aplicación de imprimación antioxidante e pintado de bases e columnas de farois, arcos de semáforo e semáforos simples, que presenten corrosión e deterioro na capa de pintura.
Estes traballos realizaranse nos farois e semáforos de Beiramar, María Victoria Moreno, Alfonso X O Sabio, Luís Braille, Andrés Mellado, Eduardo Pondal, Josefina Arruti, Maruxa Mallo, Abundancia, Diego Sarmiento Acuña, Gaiteiro Ricardo Portela, avenida da Estación, desde a PO-542 a Príncipe Felipe e desde a N-541 á avenida de Montecelo.
MANTEMENTO DE ESPAZOS URBANOS
O resto de traballos de mantemento de espazos urbanos comezaron o pasado 20 de abril na denominada 'zona 1', que abrangue o centro da cidade e as rúas máis comerciais da cidade, desde a contorna de Benito Corbal ata a pasarela por unha banda e ata o Concello por outra.
As principais actuacións que se están a realizar están relacionadas, maioritariamente, con arranxos de pavimento deteriorado, afundido, roto ou que sexa susceptible de ocasionar algún tipo de risco por outros motivos; e con mobiliario urbano que poida ser perigoso.
Tamén, e atendendo ao descenso de tráfico rodado, se están resolvendo estragos e pequenos afundimentos nas entradas de garaxes e a revisión e reparación do firme nas contornas dos rexistros para evitar o ruído destas tapas metálicas.
Relacionadas:
-
Os traballos para a reposición do firme chegan a María Victoria Moreno e Fernando II
Por Redacción |
-
Repoñen o firme na rotonda de San Roque e na contorna da praza de touros
Por Redacción |
-
Monte Porreiro, A Parda, Os Gafos e O Peirao, seguintes paradas na posta a punto de parques e xardíns
Por Redacción |
-
Inician os traballos para ter a cidade mellor acondicionada para a volta do confinamento
Por Oskar Viéitez |