A Deputación ofrece asesoramento para adaptar os espazos públicos ao necesario distanciamento entre persoas
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra ofrece asesoramento aos concellos da provincia sobre como realizar actuacións de urxencia para adaptar os espazos públicos co fin de dar garantías á cidadanía de que cumpren as esixencias de distanciamento físico para evitar a propagación do coronavirus.
O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, lembra que o seu departamento defende a necesidade de recuperar o espazo público de maneira estable e a longo prazo, mais subliña que na actualidade son necesarias algunhas actuacións inmediatas para que as persoas dispoñan de máis amplitude nos lugares e vías polas que transitan.
Segundo explica Benítez, a Deputación pon a disposición dos municipios todo o persoal técnico provincial experto neste ámbito, en resposta a unha necesidade xurdida con motivo do inicio da desescalada do confinamento polo coronavirus.
Ademais de poñer a disposición o persoal técnico para realizar actuacións inmediatas e de carácter transitorio e puntual (como peonalizar rúas, redirixir tráficos ou recuperar áreas…), vaise poñer en marcha un plan provincial para o resto do mandato co obxectivo de que os concellos potencien políticas de recuperación do espazo público de maneira estable e definitiva.
Trátase dun proxecto que estaba plantexado xa moito antes da crise sanitaria que ten a intención de que os concellos se comprometan na realización de infraestruturas públicas que incentiven as mobilidades naturais alternativas ás de motor, deixando así a prioridade de uso para as persoas nos ámbitos urbanos e nos núcleos de centralidade.
O deputado Uxío Benítez vai remitir unha carta esta semana citando a todas as alcaldesas e alcaldes da provincia a un encontro virtual co fin de presentar todas estas iniciativas do departamento de Mobilidade.
O departamento de Mobilidade lanzou este sábado un vídeo explicativo no que o propio ‘espazo público’ se dirixe á cidadanía explicando canto a bota en falta ao estar baleiro.
Relacionadas:
-
Deputación e CSIC impulsan un estudo sobre a biodiversidade e os produtos locais da provincia
Por Redacción |
-
A Deputación inxecta 1,7 millóns de euros ao Plan Concellos para variados proxectos municipais
Por Redacción |
-
Así adestrarán os deportistas profesionais e federados a partir deste luns
Por Redacción |