Catorce curados nun día e só un paciente en UCI por coronavirus na área sanitaria
Por Natalia Puga
O balance da incidencia do coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés revela este sábado que un total de 14 pacientes contaxiados curáronse nas últimas 24 horas, situando o total de curacións ata o momento en 571 pacientes.
Segundo o balance oficial de Servizo Galego de Saúde, este sábado 2 de maio hai na área sanitaria oito pacientes hospitalizados, o mesmo número que o venres. O número de pacientes que evolucionan en UCI reduciuse, de dous a un, e subiu o número de hospitalizados en planta, que pasou de seis o venres a sete.
Do total de pacientes hospitalizados en planta, un está no Hospital do Salnés, outro no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez e os outros cinco no Hospital Montecelo.
Ademais, hai 186 casos que están a recibir seguimento nos seus domicilios, de modo que o total de casos activos este sábado ascende a 194, 14 menos que o venres.
Desde o inicio do plan de continxencia do COVID-19 han fallecido 16 pacientes, o último este venres.
Segundo a última actualización da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o número de casos activos de coronavirus en Galicia ascende a 3.235, deles 787 son da área da Coruña, 227 da de Lugo, 632 da de Ourense, 194 da de Pontevedra, 768 da área de Vigo, 476 da de Santiago, e 151 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 37 permanecen en UCI, 261 están en unidades de hospitalización e 2.937 en domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 5.981 persoas curadas, rexistrándose 557 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 101.036 e o número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais de Galicia supoñen o 2,6% do total das persoas residentes. Hai un total de 651 usuarios e 302 profesionais contaxiados e faleceron 127 persoas en residencias e 125 en hospitais e residencias integradas.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
O Sergas ten ao dispor da cidadanía unha páxina web específica, na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Relacionadas:
-
Unha xornada con 33 recuperados e con só 4 persoas con coronavirus hospitalizadas na área sanitaria
Por Diego Espiño |
-
A Unidade de Coidados Intensivos de Montecelo, baleira de pacientes positivos por coronavirus
Por Diego Espiño |
-
A área sanitaria suma 12 novos pacientes con coronavirus curados e redúcense as hospitalizacións
Por Natalia Puga |
-
Falece en Montecelo un home de 67 anos diagnosticado de coronavirus, a vítima número 16 na área sanitaria
Por Diego Espiño |
-
Balance diario do coronavirus: 208 casos activos na área sanitaria e 8 hospitalizados, 2 deles na UCI
Por Diego Espiño |