O mapa interactivo dos negocios de Poio irase poñendo ao día co avance da desescalada
Por Redacción
O mapa interactivo publicado nos perfís oficiais en redes sociais e na páxina web do Concello de Poio, no que a veciñanza pode adquirir información sobre os establecementos que permanecen operativos durante o estado de alarma, non quedou estancado, senón que vai coa actualidade e adaptándose á realidade cambiante dos tempos de confinamento.
Así, segundo anunciou a Concellería de Promoción Económica, irase actualizando de xeito progresivo, a medida que se ditaminen, por parte do Goberno central, novas disposicións vencelladas co inicio da desescalada, que se realizará en diferentes fases.
Esta iniciativa, impulsada hai unhas semanas, supón unha ferramenta para que a poboación poida coñecer os establecementos das cinco parroquias de Poio que ofrecen servizos de primeira necesidade, tales como supermercados, tendas de alimentación, quioscos, centros de saúde, farmacias ou estacións de servizos. O obxectivo é que a cidadanía teña constancia daqueles negocios operativos máis próximos ao seu domicilio, facilitando os desprazamentos imprescindibles.
A Concellería de Promoción Económica lembra que tamén se está a realizar asesoramento básico, de xeito telemático, a través do teléfono 986770001 (extensións 1260 e 1502), ou por correo electrónico (promocioneconomica@concellopoio.gal).
Todos os responsables dos establecementos que figuran no mapa interactivo de Poio que desexen actualizar algún dato e os que queiran incorporarse poden contactar co Concello a través dos mesmos medios.
O concelleiro Gregorio Agís lembra que segue a preparación para impulsar en maio dous programas de acción conxunta co tecido socioeconómico local, centrados no sector do comercio e a hostalería, así como para desempregados.