Bueu fará un estudo individual de todos os negocios para reorganizar a ocupación das terrazas
Por Redacción
O Concello de Bueu está a estudar as medidas a aplicar para a reactivación dos sectores económicos da hostalaría e o comercio coincidido coa desescalada do confinamento polo coronavirus. Entre outras, analizan a eliminación da taxa por ocupación de terrazas, cuxa viabilidade ten que ser avaliada polos servizos técnicos municipais.
Ademais, vaise facer un estudo individual de cada local a fin de reorganizar o espazo de ocupación das terrazas, que aseguraría a viabilidade e a seguridade nos mesmos e o Concello está traballando na creación duns bonos para a hostalaría e o comercio, así como en varias campañas de promoción do consumo dende o Concello.
A concelleira de promoción económica e turismo de Bueu, Silvia Carballo, mantivo unha reunión telemática coa directiva da Asociación de Hostalería de Bueu e co xerente da Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (FECIMO) co fin de estudar as medidas a aplicar.
A edil xa se reunira con estas entidades con anterioridade nas últimas semanas para a realización dun plan económico de reactivación da economía local, pois, segundo explica, no Concello "estamos ao lado da hostalaría e do comercio local", sectores que son "unha prioridade na nosa liña de actuación para reactivar a economía local".
Segundo informou o Concello a través dun comunicado, a concelleira agradece a colaboración do sector, cuxos representantes achegaron "unha monte de ideas" que se terán en conta.
O próximo martes terá lugar unha nova reunión coa hostalaría na que estarán, ademais de Silvia Carballo, o alcalde, Félix Juncal, o vicealcalde e concelleiro de facenda, Julio Villanueva, e o edil de urbanismo, Martín Villanueva.