As dependencias municipais de Michelena 30 adáptanse de cara a apertura ao público
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores vén de anunciar que a planta baixa das dependencias municipais de Michelena 30 será reformada para adaptarse ás novas medidas de seguridade xurdidas no marco da crise sanitaria, ao tempo que se implementarán fórmulas como a cita previa e a atención por videoconferencia naqueles casos que sexa posible.
Entre as principais novidades da reforma da planta baixa de Michelena 30 sitúase a separación de accesos, xa que o proxecto contempla un acceso específico para os servizos de Rexistro e Padrón de habitantes e outro acceso independente para o resto das dependencias do inmoble.
A actuación tamén vai encamiñada a individualizar os postos de traballo para respectar as distancias e posibilitar a atención de máis persoas en condicións de seguridade, ampliando o espazo de espera (trabállase cunha distancia de seguridade de 2 metros) e mellorando os fluxos de circulación na planta.
O alcalde indicou que "estas modificacións veñen para quedarse", polo que ademais das melloras no espazo físico se manterá o sistema de citas previas e a atención por videoconferencia.
A obra, cuxo comezo está previsto para o 18 de maio, ten un orzamento de 226.119 euros, será executada polo procedemento de emerxencia e solicitaráselle orzamento a tres empresas locais. O proxecto tamén correu a cargo dun estudo de arquitectura local, e para o mobiliario e subministros tamén está previsto acudir a provedores locais.
Durante os dous meses de duración das obras, os servizos de Rexistro e Padrón de habitantes serán trasladados provisionalmente á Casa da Luz.
O alcalde incidiu que esta actuación se enmarca na protección da saúde e da seguridade tanto dos funcionarios como da cidadanía que fai uso das instalacións municipais. Tamén lembrou que, neste período, se revisaron a totalidade de locais municipais e se estableceron as medidas correctoras para respetar a distancia de seguridade de 2 metros, tanto a través da reorganización do espazo como mediante a colocación de mamparas e outros elementos.
Por último, o alcalde tamén informou de que a data que manexa o Concello para o remate da obra do edificio municipal de Ferreiros é o 31 de maio e que o traslado está previsto realizalo nas primeiras semanas de xuño.
Relacionadas:
-
A remodelación de Michelena 30 incluirá tamén a segunda planta do edificio
Por Alejandro Espiño |
-
As citas previas para o Rexistro e o Padrón xa están completas para os primeiros días
Por Alejandro Espiño |
-
Construtores de Pontevedra piden ao Concello 'primar' a contratación de empresas locais
Por Alejandro Espiño |
-
O rexistro e o padrón municipal inician a súa mudanza temporal á Casa da Luz
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra inclúe 33 prazas na súa oferta pública de emprego para 2020
Por Alejandro Espiño |