As obras da intermodal van ao "ritmo necesario" para acabalas antes de final de ano
Por Alejandro Espiño
Os traballos para habilitar o conxunto intermodal de Pontevedra, nunha área que integre as terminais de autobuses e tren, estarán rematadas antes de que finalice o ano.
Así o asegurou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, que garantiu que van ao "ritmo necesario" para cumprir o calendario previsto, segundo trasladou na conversa que mantivo co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
Neste contacto telemático, no que tamén estivo o equipo responsable da obra ou o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, as autoridades comprobaron que estes traballos, que se retomaron o pasado día 15, están a facerse coas necesarias medidas de protección da saúde dos profesionais para evitar contaxios polo coronavirus.
No que respecta á estación de autobuses, as obran van a bo ritmo. Estase avanzando na demolición dunha parte do edificio para adaptar as novas pendentes da cuberta, na instalación eléctrica e no tabicado do vestíbulo principal.
Tamén se está a traballar no exterior da estación, onde está executado o movemento de terras da praza e xa con capa de formigón na zona máis próxima á estación de tren.
Ademais, contra o río Gafos demoléronse xa os muros e estase a preparar o terreo onde vai a pasarela de madeira, para crear un novo espazo verde neste ámbito urbano.
Ethel Vázquez recordou que a execución deste proxecto supón un investimento público de 6 millóns de euros, 4,6 achegados pola Xunta e o resto polo Concello, e está supoñendo actividade para un cento de traballadores.