Protección Civil recibe a visita do alcalde para agradecerlle o seu labor cos máis vulnerables
Por Redacción
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Protección Cidadá, Eva Vilaverde, visitaron este mércores 29 de abril a sede da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil para "recoñecer desde o Concello o traballo inmenso e imprescindible que están facendo".
Fernández Lores asegurou que o labor que están a desenvolver os voluntarios é fundamental e por iso "viñemos facerlle un agradecemento expreso da cidadanía de Pontevedra, como representantes de todos os veciños, e agradecerlles esa dedicación e ese traballo que é absolutamente excepcional e fundamental nesta crise".
O presidente de Protección Civil, Hermenegildo Rodríguez Novoa, realizou xunto co alcalde e a concelleira de Protección Cidadá un repaso polas principais accións que están a realizar durante o estado de alarma e que están orientadas a atender e dar cobertura, maioritariamente, a colectivos vulnerables.
O alcalde explicou que Protección Civil está traballando con 30 voluntarios "que de momento son suficientes e, en todo caso, hai unha lista de xente voluntaria anotada por se fixera falta á que tamén llo agradecemos moito".
Ademais, Fernández Lores volveu facer referencia a que a área sanitaria de Pontevedra está tendo uns datos de incidencia de COVID-19 por debaixo da media das áreas sanitarias do resto de Galicia e indicou que "eu penso que iso todo é debido ao traballo de xente como o persoal de Protección Civil e de todos os sectores de servizos esenciais, sexan persoal sanitario ou sexan empresas concesionarias, ou forzas de seguridade e control".
Desde o inicio do estado de alarma, a agrupación de Protección Civil, baixo a Dirección Xeral de Protección Cidadá e en coordinación directa co departamento de Servizos Sociais, foi un piar fundamental para implementar os servizos e axudas destinados a diferentes sectores.
As tarefas nas que participa Protección Civil de Pontevedra son, entre outras, a preparación e reparto de comidas no comedor social de San Francisco; o traslado dos menús diarios aos albergues para as persoas sen teito, tanto en Raíña da Paz como no Multiusos da Xunqueira ou colaboran co Secretariado xitano para o reparto a domicilio dúas veces á semana dos deberes para 20 nenos e nenas.
Ademais, reparten os menús entre as familias en situación de risco que teñen menores becados nos comedores escolares; realizan servizos asistenciais, como compras en supermercados e farmacias, a persoas soas e vulnerables; participan tamén na preparación e reparto dos pedidos do Banco de Alimentos de San Bartolomeu e colaboran coa Subdelegación do Goberno para o reparto de máscaras entre traballadores e persoas usuarias de transporte público.