VÍDEO.- Zumba e pilates na casa para animar o confinamento no Burgo
Por Redacción
Nin o coronavirus pode coa zumba. Con ximnasios e locais pechados, iso si, a práctica desta modalidade deportiva complicouse, pero con enxeño e ganas todo ten solución. Iso, polo menos, é o que demostrou un grupo de mulleres de Pontevedra.
Moitas delas levan cinco anos xuntas, practicando zumba e pilates. Desde os últimos meses, no local social do Burgo.
Para celebrar este aniversario, e grazas á coreografía que lles mandou a súa monitora Nerea, estas 21 mulleres quixeron gravar un vídeo para animar o confinamento.
Cada unha delas gravou o seu parte da coreografía nos seus respectivos domicilios, como non podía ser doutra maneira, demostrando que son un grupo moi unido e que llo pasan moi ben xuntas.
Non é o primeiro reto ou idea que tiveron para soportar esta corentena con bo humor, pero desde logo si é un dos que máis lles fixo moverse.