Incumpre o confinamento e estrela o seu coche contra un contedor triplicando a taxa de alcoholemia permitida
Por Redacción
A Garda Civil de Pontevedra denunciou este martes un veciño da Illa de Arousa que, tras saltarse o confinamento, sufriu un accidente co seu vehículo. Xusto despois do sinistro deu positivo nas probas de consumo de alcol e drogas, superando tres veces a taxa de alcoholemia permitida para conducir.
Os feitos producíronse sobre as 20.30 horas deste martes en Illa de Arousa e o citado condutor agora está a ser investigado como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria, tipificado no artigo 379.2 do Código penal por conducir un vehículo de motor ou ciclomotor baixo a influencia de drogas tóxicas, estupefacientes, substancias psicotrópicas ou de bebidas alcohólicas.
Ademais, foi proposto para sanción por saltarse o confinamento, pois os axentes puideron confirmar que estaba a realizar un desprazamento non autorizado. Segundo el mesmo recoñeceu, viña de consumir drogas e tomar bebidas alcohólicas.
O home tamén foi denunciado porque o vehículo accidentado carecía do seguro obrigatorio. Esta conduta leva aparellada unha sanción de 1.500 euros.
O aviso a Tráfico chegou a través do aviso dun particular que comunicaba o choque dun turismo contra un contedor de lixo e unha posterior saída de vía. Ata o lugar desprazouse o Equipo de Atestados e Informes do Subsector de Tráfico de Pontevedra, que verificou o comunicado e localizou ao condutor implicado nas inmediacións do lugar.
Os axentes realizáronlle as oportunas probas e na de alcol deu un resultado positivo cunha taxa de 0,87miligramos de alcol por litro de aire expirado, cando a taxa máxima permitida é 0,25mg/ l. O resultado indiciario sobre o consumo de drogas tamén foi positivo, a falta de ser confirmado polo laboratorio de referencia da DGT.
O delito polo que está a ser investigado ten aparelladas penas de prisión de tres a seis meses, multa de seis a doce meses ou traballos en beneficio da comunidade de trinta e un a noventa días, así como pena de privación do dereito conducir vehículos de motor e ciclomotores por tempo superior a un e ata catro anos.