Battle royale na Peregrina
Por Manu Otero
Son moitas as persoas que nesta época de confinamento e illamento social están a afeccionarse aos videoxogos non só como vía de escape e entretemento, tamén como ferramenta para manter o contacto con amigos e familia. Porque ademais de fonte de diversión, as ditosas maquinitas —como moitos pais e nais aínda adoitan chamalas— serven tamén para fomentar a comunicación e o traballo en equipo.
Os reis desta corentena son os xogos cooperativos, e o xénero bélico leva a palma. Call of Duty, PUBG, Ghost Recom ou Fornite son os máis populares, pero só o último brinda a oportunidade aos seus xogadores de converter a súa cidade en campo de batalla. Non é que Epic, desarrolladora do título, se inspirase na cidade do Lérez para crear un novo mapa, senón porque un dos seus usuarios, o pontevedrés Gabriel Nogueira (Gabocapo777), dedicou boa parte do tempo libre deste confinamento para recrear a contorna da Peregrina para convertelo en escenario de tiroteos e escaramuzas. Fortnivedra, bautizouno.
"Xa levo dous anos facendo mapas. Fixen a miña rúa (o barrio de Mollabao que pode contemplarse nas capturas que acompañan a información) e serviume para ver que podía facer cousas e que quedasen ben", explica este desarrollador de aplicacións informáticas que viu na corentena a oportunidade que estaba a esperar para lanzarse a facer realidade o seu plan máis ambicioso. "Ata o de agora non tiña tempo, tentei a facer a Peregrina e vin que me quedaba aceptable así que empecei a anchear o mapa", detalla como foi construíndo o convento de San Francisco, a praza da Ferrería e o resto de rúas que rodean ao emblemático templo pontevedrés.
"É difícil imaxinarche como vai quedar, recrear as proporcións e as texturas é o máis difícil", recoñece o creador, que investiu "máis de 100 e menos de 200 horas" en facer realidade o escenario facendo uso da ferramenta de Google Maps como modelo.
O realismo e detalle co que está deseñado o escenario é impresionante. Todos os xogadores que xa percorreron o mapa recoñecen sentirse impresionados ao saír dun edificio e atoparse de fronte coa Peregrina. Pero a precisión coas que están recreadas as fachadas dos monumentos non é o único rechamante deste mapa, que oculta grandes sorpresas e mensaxes ocultas en moitos dos seus recunchos.
"Na Peregrina hai un cura dando misa e no soto unha especie de mazmorras para encerrar a aqueles que se portan mal, é como unha ironía", explica Nogueira uno dos ovos de pascua, pequenos secretos ou mensaxes especiais ocultas nunha obra dixital, que esconde a cidade. E non é o único promete. "Irei implementando máis cousas", promete o deseñador, que tivo nas limitacións de memoria do editor de Epic uno dos maiores desafíos para facer realidade o mapa.
As dificultades para recrear algunhas partes da cidade esixíronlle tamén a Gabriel unha boa dose de paciencia. "Tiven que eliminar e volver empezar moitas veces, sobre todo a parte de atrás da Peregrina. É difícil adaptar a unha cuadrícula algo que non é cadrado", detalla
E se a corentena alóngase, non descarta este apaixonado polo deseño de escenarios virtuais recrear algunha zona máis da cidade. "A zona vella ou a Alameda pode dar moito xogo", admite Nogueira, quen non saca ningún beneficio por estas achegas. "Fágoo por pasarmo ben, gústame construír", sostén.
Aquel que queira percorrer as rúas da capital sen moverse do sofá ou organizar unha balacera cos seus amigos en plena Ferrería só ten que descargar o videoxogo, gratuíto para todas as plataformas, acceder ao modo creativo, introducir o código (1965 - 5158 - 0118) e apertar o gatillo.