Perigo! Pontevedreses ao volante!
Por Alejandro Espiño
Si un condutor circula pola M-40, en Madrid, pola Avenida Diagonal de Barcelona ou pola Ponte do V Centenario en Sevilla, debe saber que está nalgunha das tres zonas urbanas máis perigosas do país. Pero ao paso que imos, Pontevedra non terá nada que envexarlles. Segundo un estudo realizado por Linea Directa Aseguradora, os pontevedreses somos os españois cuxa condución empeorou máis nos últimos seis anos.
De acordo co estudo Puntos Rojos: los accidentes de tráfico en las capitales españolas, os condutores de As Palmas de Gran Canaria (-10%) e Valencia (-9,6%) son os que máis conseguiron baixar as súas cifras de accidentalidade dentro do casco urbano nos últimos seis anos, mentres que pontevedreses (cun aumento do 7,8%) e gaditanos (cun 3,7%) son os que máis empeoran.
Segundo este informe, en España, cada ano un de cada cinco condutores que circula por unha capital de provincia ten un accidente. O venres é o día máis problemático e maio e outubro, os meses nos que se dan máis accidentes. E as zonas máis perigosas, os cruzamentos, onde se rexistran o 50% dos accidentes. O custo medio de cada un deles sitúase en torno aos 1.100 euros.
Os danos materiais máis habituais nos sinistros urbanos, maioritariamente colisións laterales, prodúcense nos parachoques (28,5%), seguidos das aletas (17,4%) e os faros e intermitentes (9,7%). Se dividimos o coche por zonas, a parte dianteira é a que sofre máis (nun 34,8% dos casos), seguida da traseira (cun 27,6%).
Lesións leves pero custosas
Linea Directa contabilizou 120.000 feridos en accidentes de coche soamente nas 50 capitais de provincia que analizou, fronte aos pouco máis de 370.000 que ten rexistrados a DGT nas zonas urbanas e municipios de toda España no mesmo periodo. Con este informe, a compañía calcula, que ao redor do 80% dos accidentes de tráfico en cidade non conta con atestado, co que se perde unha gran cantidade de información sobre a siniestralidade máis leve, un problema que se acentúa en zona urbana.
Destes datos despréndese que o 10% dos condutores involucrados nun accidente dentro do casco urbano sofre unha lesión. As lesións máis habituais que se producen nestes accidentes rexistrados por Linea Directa son, por esta orde: esguince cervical (65% dos casos), hernia discal (15%) e esguince de xeonllo (10%).
Un sinistro tipo ocorrido en cidade, por exemplo: un accidente nun cruzamento entre un coche e unha moto, no que dous condutores resultan feridos leves con traumatismos en distintas partes do corpo e con esguinces cervicales, supón 295 días de baixa laboral e un custo aproximado de 30.000, entre custos materiais, persoais e gastos médicos.