O PP pide que as tarefas de desinfección da Deputación continúen tras o estado de alarma
Por Redacción
O grupo provincial do Partido Popular considera que os labores de limpeza e hixienización que están a realizar os concellos nos espazos públicos demandan dun maior apoio por parte da Deputación.
O voceiro do PP, Jorge Cubela, faise eco das queixas que, asegura, está a recibir de varios rexedores municipais que lamentan que ao non saber cal é a planificación das brigadas provinciais élles imposible coordinar as tarefas de desinfección nos seus municipios.
O obxectivo da medida que propón o PP é, por unha banda, poder unir esforzos entre o organismo provincial e os pequenos concellos e, por outra, que as tarefas de desinfección transcorran do xeito máis efectivo posible.
"Podemos redobrar esforzos cunha maior coordinanción", destaca Cubela. "E os alcaldes son os que mellor coñecen a situación nos seus concellos e en que lugares é fundamental reforzar a desinfección das rúas. Por iso, desde o Partido Popular tamén ofrecemos a nosa colaboración neste caso", engade.
Así mesmo, o voceiro popular propón que estes labores de desinfección se prolonguen no tempo máis aló do estado de alarma. "A prevención será fundamental para a volta á normalidade. Coas novas medidas de desconfinamento será necesario desinfectar con maior frecuencia aquelas rúas que marquen os alcaldes", matiza.
Desde o Partido Popular tamén se solicita que a estas tarefas se sumen os equipos das brigadas provinciais, que deberían poñerse inmediatamente a disposición dos concellos de menos de 20 mil habitantes. Neste sentido, apunta Cubela que na actualidade hai un camión de auga e nove brigadas de estradas provinciais distribuídas por zonas e por concellos que, na súa maior parte, están sen traballar desde mediados de marzo.