Propoñen estender a tempada alta de visitas ás Illas Atlánticas ata o 15 de outubro
Por Redacción
As empresas navieiras que cobren as visitas ao Parque Nacional das Illas Atlánticas, formado polos arquipélagos de Ons, Cortegada, Sálvora e Cíes, albiscan un escenario difícil de cara ao comezo da tempada alta de visitas que estaba fixado, previo á pandemia do coronavirus, para o 15 de maio.
Ante a incerteza de como van evolucionar os prazos do estado de alarma e as medidas de seguridade que se deban adoptar unha vez se retomen as visitas ás Illas Atlánticas, as empresas de transporte regular de visitantes veñen de reunirse, a petición propia, cos conselleiros de Medio Ambiente e Turismo.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, mantiveron este encontro por videoconferencia e expuxeron aos representantes das navieiras a idea da Xunta de prolongar ata o 15 de outubro a tempada alta de visitas ás Illas Atlánticas.
A tempada de acceso ao Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas ven regulamentada no Plan Reitor de Uso e Xestión deste espazo protexido, no que se establece que a tempada alta coincide co período transcorrido dende o 15 de maio ata o 15 de setembro, ambos incluídos, así como a Semana Santa.
Neste caso, a proposta consiste en estender un mes respecto ao período fixado. Deste xeito, permitiría unha recuperación parcial de ingresos e actividade para estas empresas do sector turístico, o que tamén implicaría beneficios para todo o sector que opera nestas áreas da franxa costeira galega. O tema porase en comunicación do Goberno central aos efectos de que, se o estima, se pronuncie de xeito favorable ou desfavorable, dado que se trata dun espazo natural que goza da categoría de Parque Nacional.
En calquera caso, a ampliación virá determinada polo proceso de desescalada que fixe o Goberno do Estado, en función dos sectores que estableza que poden ir recuperando a súa actividade dun xeito progresivo.
Relacionadas:
-
A ausencia de limitación de aforo no transporte marítimo xera queixas entre viaxeiros a Ons
Por Marisa Ciordia |
-
O cámping de Ons inicia a campaña de verán con todas as fins de semana cheas ata mediados de agosto
Por Manu Otero |
-
Os isleños regresan a Ons
Por Oskar Viéitez |
-
Confinados en Ons: "Cando levas illado toda a túa vida xa te afás. O noso é unha corentena constante"
Por Alejandro Espiño |
-
A Xunta ofrece rebaixar o cupo de visitantes para garantir o acceso aos veciños de Ons
Por Oskar Viéitez |
-
Ons e Sálvora, unidas por primeira vez nunha ruta marítima
Por Redacción |