Empresarios de venda de produtos agrícolas: "A crise sanitaria coincidiu horrible, no peor momento"
Por Diego Torrado & Cristina Saiz & Anxo Lourido
As colas nalgúns establecementos de venda de produtos agrícolas da cidade chaman a atención nun momento no que a crise económica derivada da situación de incerteza provocada pola pandemia. Con todo, é un espellismo.
"Temos máis ou menos a mesma xente que outros anos, pero claro agora hai unha filas de xente fóra esperando e escandaliza máis, pero máis ou menos a venda é o mesma", asegura Noelia Solla, de Agrícola El Hórreo, sinalando que o estado de alarma obriga a evitar que nas tendas coincidan varios clientes ao mesmo tempo e por este motivo no exterior créanse ringleiras de compradores esperando a súa quenda.
En cambio, Roberto Sousa, propietario de Agrícola Roberto ten unha visión máis pesimista. No seu caso fala dun descenso de vendas respecto a 2019 de entre un 40 e un 60 por cento. "Veñen moi poucos clientes dos arredores. Antes, viñan a Barcelos a mercar porque aparcaban nesta zona para realizar outras actividades. Pero agora xa non hai esas actividades. Esa xente, de Carballedo por exemplo, ao non vir a Pontevedra xa non compra", asegura para sinalar que a súa clientela está a moverse por outros establecementos: "a competencia nas aforas si notan actividade.
Era clientela que deixou de vir desde o confinamento. Antes eu vía a clientes unha vez á semana e agora non". A dúbida que ten este pequeno empresario é se esas persoas regresarán ao seu establecemento unha vez finalizado o estado de alarma ou se deixarán de facer compras en Pontevedra e continuarán realizándoas no seu punto de venda actual, máis próximo á súa vivenda.
Noelia Solla indica que tamén se produce o efecto contrario, persoas do centro urbano que se desprazaban a outros puntos para realizar as súas compras agrícolas e que agora, debido ao confinamento, acoden a estes establecementos situados preto dos seus domicilios.
Neste sentido, Roberto Sousa sinala que a imposibilidade de desprazamento a segundas vivendas prexudicoulles notablemente: "teño, por exemplo, un cliente cunha casa en Bueu que sempre planta na primavera e agora non ten nada plantado ao non poder desprazarse ata alí".
No que se detectou un incremento é na demanda de produtos a través do servizo a domicilio. Neste caso as peticións duplicáronse respecto a outros anos. "Pero non compensa polos gastos que supón", afirma Roberto Sousa facendo referencia ao gasto en gasolina para levar a mercadoría á clientela e indica que esta crise sanitaria chegou no peor momento ao coincidir coa primavera, o momento en que se fai a principal recadación do ano. "Abril e maio son os meses fortes. Se pasase en decembro sería outra cousa", admite con preocupación.
En Agrícola Roberto si se nota a presenza de compradores que habitualmente adquirían repolos, pementos ou cebolas de feixe nos postos de venda ambulante situados na entrada ao Recinto Feiral e que ao estar suspendida esta actividade achéganse á tenda preguntando por estes produtos.
Outra das demandas, segundo comenta Noelia Solla, atópase nas sementes para plantacións que se realizan nas vivendas. Segundo explica, trátase de pais que realizan actividades cos seus fillos e plantan algunha hortaliza ou verdura no interior do piso ou nun balcón. Estes empresarios agardan que a autorización para traballar nas hortas urbanas nos próximos días incremente a venda de sacos de terra, substrato, plantas de horta e sobres de sementes e axude a paliar os danos económicos provocados por este ano tan difícil.
Relacionadas:
-
Abren o prazo para presentar alegacións ao regulamento da venda ambulante en Bueu
Por Redacción |
-
Crean unha nova horta urbana nunha parcela municipal na rúa Ernesto Caballero
Por Redacción |
-
O consumo de gasolina descendeu un 72% en Pontevedra durante o confinamento
Por Redacción |
-
A pataca de Xinzo que veu durante o confinamento para quedar
Por Redacción |
-
Verdura estragada e caracois, na volta a actividade das hortas urbanas
Por Redacción |
-
Reapertura das hortas urbanas o próximo sábado 2 de maio
Por Redacción |
-
Usuarios das hortas urbanas de Pontevedra piden a súa apertura inmediata
Por Anxo Lourido |
-
Permitido o desprazamento a hortas de autoconsumo no concello de residencia
Por Oskar Viéitez |