O alcalde de Barro denuncia o PP por un posible delito medioambiental
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes ven de denunciar aos concelleiros do grupo municipal do Partido Popular por un posible delito medioambiental.
Na denuncia explícase que o pasado sábado pola mañá, un camión cisterna da empresa Excavaciones EXPANO S.A. dedicouse a esparexer líquido, supostamente de desinfección, por diversas rúas e viais municipais "sen autorización previa nin control por parte do concello nin de outra administración ou organismo competente".
Posteriormente tívose constancia de que dita actuación era promovida por concelleiros do Partido Popular.
"Ante esta actuación totalmente irregular e sen control, que pode acarrear danos medioambientais tanto a persoas como a bens", o alcalde presentou denuncia ante o Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) da Garda Civil e tamén na Consellería de Medio Ambiente "para que se investiguen os feitos e se depuren as responsabilidades ás que puideran dar lugar".
Para o alcade, "que o Partido Popular teña unha actuación tan irresponsable nesta situación de crise sanitaria, que todos estamos vivindo con moita preocupación, é totalmente inaceptable".
"Cando se lle está pedindo a todas as veciñas e veciños que se queden na casa para evitar a propagación do coronavirus, que os membros do PP anden polas casas da xente unicamente buscando facer propaganda política con actuacións tan esperpénticas, demostra que lles importa máis o protagonismo facendo shows que a propia saúde dos veciños e veciñas", engadiu o rexedor nacionalista nun comunicado.
Dende o Concello de Barro destacaron que "cumprindo co protocolo establecido polas autoridades sanitarias", a administración local leva facendo a desinfección dos lugares máis sensibles do concello e de todos os contedores nas parroquias desde a primeira semana da declaración do Estado de alarma. Para iso conta con dous equipos de operarios municipais e vehículos oficiais, co apoio de voluntarios de Protección Civil.
Ademais, persoal da Consellería de Medio Rural tamén desinfecta as inmediacións do Centro de Saúde, como reforzo das actuacións municipais.
Fernández Abraldes agarda "que desde o Partido Popular se tome nota e que aquelo que transmiten desde a Xunta de Galicia de actuar con responsabilidade e prudencia na loita das institucións contra esta pandemia llo transmitan aos seus cargos públicos no Concello de Barro".
Relacionadas:
-
O PP de Barro desinfecta as contornas das igrexas e reta ao alcalde a que os denuncie no Vaticano
Por Oskar Viéitez |
-
O PP de Barro reclama ao Concello que acometa canto antes diversas melloras na zona de Barosa
Por Redacción |
-
O PP e un grupo de veciños de Barro promoven un baldeo xeneralizado de espazos públicos
Por Redacción |
-
O PP denuncia que hai varios meses que as bandeiras española e galega non ondean no Concello de Barro
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |