Piden que a Atención Primaria se prepare para a desescalada

Por Oskar Viéitez
O sindicato Traballadores da Sanidade Pública (TSP) ven de facer unha serie de propostas á Xerencia da Área Sanitaria de Pontevedra de cara á desescalada en Atención Primaria pola alerta da enfermidade da Covid-19.
O Ministerio de Sanidade sinalou que a Atención Primaria vai ser, a partir do momento no que diminúa a carga asistencial nos hospitais por mor do coronavirus, o eixo fundamental para o diagnóstico e seguimento de posibles doentes con covid19, polo que este sindicato considera necesario adoptar unha serie de medidas previas.
A primeira sería a realización de "test masivos a todos os traballadores" dos centros de saúde e PACs, tal e como se está empezando a facer nos hospitais para saber como está a situación inmunolóxica do persoal.
Tamén consideran necesario reforzar tanto en recursos humanos como materiais ós centros de saúde e PACs e que estes dispoñan de equipos de protección suficientes (mascarillas FFP2 e cirúrxicas, batas, luvas, gafas, pantallas...).
Ademáis quere este sindicato que os facultativos, tanto os dos centros de saúde como os de PACs, teñan capacidade para solicitar test PCR para tódolos pacientes sintomáticos ou pouco sintomáticos, e incluso para aqueles asintomáticos con sospeita alta de infección por covid-19 e test serolóxicos (IgM e IgG) para aqueles pacientes que se sospeite que houberan pasado a enfermidade.
Outra das propostas feitas polos Traballadores da Sanidade Pública é que as consultas sexan prioritariamente telefónicas. Tamén nas citas de especializada que se adiaron haberá que fomentar a teleconsulta en todas as especialidades, afirma este sindicato. "Non se pode volver á actividade habitual mentras exista un alto risco de contaxio incontrolado dentro da comunidade", advirte TSP.
Ademáis instan a que na entrada dos centros de saúde e PACs se manteña a triaxe para separar ós pacientes con clínica respiratoria como se ven facendo ata agora, e que dispoñan de termómetros dixitais para medir a temperatura a distancia. Manter as zonas específicas para atender pacientes con patoloxia respiratoria aguda ou sospeitosa de covid-19 suficientemente equipadas.
E por último piden que sexa obrigatorio o uso da mascarilla para todas as persoas que estean no centro, que só pase á consulta o paciente, e seguir fomentando a teleformación de todos os traballadores en cursos de prevención de riscos biolóxicos.