Feijóo propón unha desescalada por áreas sanitarias
Por Oskar Viéitez
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo propuxo que a desescalada se faga por áreas sanitarias.
Feijóo participou este domingo xunto co resto dos presidentes das comunidades autonómicas no sétimo encontro telemático co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, no que se abordou o levantamento progresivo do confinamento e a recuperación da actividade económica.
A intención de Sánchez é que o Consello de Ministros aprobe o vindeiro martes os criterios para unha desescalada "asimétrica" segundo a situación da epidemia da Covid19 en cada provincia, deixando a porta aberta a que a apertura sexa revisable en función de como evolucione a incidencia do virus.
Con todo o presidente galego, do mesmo xeito que outras comunidades con gobernos do PSOE ou nacionalistas, argumenta que as áreas sanitarias son as que mellor coñecen a evolución da pandemia no territorio polo que pediu que a desescalada non se cinga ao marco provincial.
Así, na provincia de Pontevedra aposta por dúas liñas de desescalada Pontevedra-O Salnés e Vigo. E estas, á súa vez, poderán dividirse en "microzonas" máis pequenas, tal e como expón a Xunta.
Ademais lembra que na provincia de Pontevedra os concellos de Lalín, Silleda ou A Estrada, están adscritos ao área sanitaria de Santiago, na provincia da Coruña.
Feijoo tamén apoiou que o Goberno central manteña o "cadro de mandos" da xestión da epidemia e a planificación da desescalada con "criterios claros" aínda que pediu unha cláusula de "salvagarda territorial" para ter certa marxe para a súa aplicación sobre o terreo e poder participar na definición de criterios.
Neste senso, o presidente da Xunta propón o establecemento dunha escala de risco por zonas e un levantamento do desconfinamiento segmentado por actividades económicas, así como con "criterios demográficos", nos que habería que distinguir tres grupos de idade --maiores de 70, de 15 a 69 anos e os menores de 14--, pero tamén tendo en conta as patoloxías previas de cada persoa.
"No caso de que nun territorio atopemos un foco, parece razoable acordoalo e esperar uns días", argumentou Alberto Núñez Feijóo.
Nos últimos días, en 140 dos 313 concellos galegos non se detectou ningún contaxiado polo coronavirus. Ata este domingo a Consellería de Sanidade informou da morte de 523 persoas que padecían coronavirus en hospitais, residencias de maiores ou residencias integradas.
Por último, o presidente da Xunta cre que é "necesario" reactivar a automoción, concesionarios e talleres con cita previa, e os mercados agrícolas e de abastos e urxiu que se estableza xa un protocolo para que restauradores e comerciantes vaian preparando a porta pechada a súa reapertura.