Candeas desde a fiestra e felicitación colectiva polos 100 anos de Ramona Espiño en Cuntis
Por Redacción
Ramona Espiño converteuse en centenaria durante a corentena polo coronavirus e, polo tanto, non tivo oportunidade de facer ningún tipo de celebración especial para unha data tan sinalada. Pese a todo, non lle faltou unha felicitación á altura das circunstancias.
Membros do Servizo de Emerxencias desprazáronse ao seu domicilio no lugar de Portodegomes para darlle os parabéns en nome do Concello.
Nun fermoso e emotivo acto, Ramona soprou as candeas do seu século de vida dende a propia fiestra da casa acompañada dos seus familiares. Dende alí saudou a todos os presentes e mostrou o ramo de flores que lle agasallaron dende Protección Civil.
O alcalde, Manuel Campos, sinalou que "en momentos tan duros como os que estamos a vivir" pola crise sanitaria da Covid-19, estas celebracións, aínda que teñen que ser dende a fiestra da casa, son "unha alegría especial", que tamén "nos dan folgos e nos animan a seguir traballando".
Ademais, o alcalde destacou a boa saúde e forza que transmite Ramona Espiño e deulle as grazas pola súa a afabilidade e trato cariñoso.