O PP e un grupo de veciños de Barro promoven un baldeo xeneralizado de espazos públicos
Por Redacción
O PP de Barro, en colaboración cun grupo de veciños do municipio, promoveu este sábado un baldeo xeneralizado dos espazos públicos das seis parroquias e do centro urbano de San Antoniño para reforzar a loita contra o coronavirus, co obxectivo de que "o impacto do Covid-19 sexa o menor posible para as familias de Barro", tendo en cuenta, sobre todo, que a partir deste domingo os menores de 14 anos empezarán a saír ás rúas.
Desde o propio PP explican que se contratou unha cisterna con capacidade de 30.000 litros e durante toda a mañá deste sábado gastáronse 120.000 litros de auga e lixivia en limpar todos os lugares do municipio.
Ademais, realizouse unha desinfección dos contedores con material adecuado e repartíronse 500 máscaras e 1.000 luvas.
Os 'populares' de Barro emitiron un comunicado este sábado no que explicaron que decidiron impulsar esta limpeza en resposta ás "moitas inquietudes recibidas" polos veciños de Barro e porque ven unha "inoperancia e pasotismo" no grupo de goberno.
O PP móstrase moi crítico co Goberno local de Barro e lamenta que o alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, "dedíquese a ameazar os veciños e empresas que interviñeron neste dispositivo de desinfección con chamar á Garda Civil tentando suspender así os labores".