Os positivos por coronavirus volven crecer na área sanitaria, con 18 casos máis nun día
Por Natalia Puga
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés contabiliza este sábado 26 de abril 568 casos activos de coronavirus, un incremento de 18 positivos máis con respecto a un día antes. En total, segundo os datos oficiais facilitados, contabilizáronse 20 positivos máis, pero prescribíronse dúas altas, de modo que a cantidade de pacientes activos nas estatísticas é de 18.
Este incremento do número de casos non ten o seu reflexo na actividade dos hospitais, pois desde o venres tan só houbo un paciente máis ingresado. Segundo a información oficial facilitada polo Servizo Galego de Saúde, hai 31 hospitalizados, dos que 26 están ingresados en planta, catro deles no Hospital do Salnés e un en QuirónSalud Miguel Domínguez.
Mantense estabilidade nos pacientes que evolucionan en UCI, pois hai cinco, todos eles no Hospital Montecelo, o mesmo número desde mediados de semana.
Os 537 casos restantes están en domicilio, ata 568 casos activos fronte aos 550 do venres e os 535 do xoves.
Desde o inicio do plan de continxencia da COVID-19 faleceron nesta área sanitaria 15 pacientes e prescribíronse 155 altas hospitalarias, dúas delas nas últimas 24 horas.
A nivel autonómico, segundo a última actualización da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o número de casos activos de coronavirus en Galicia ascende a 6.824. Deles 1.629 son da área da Coruña, 662 da de Lugo, 1.299 da de Ourense, 568 da de Pontevedra, 1.211 da área de Vigo, 1.055 da de Santiago, e 400 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 90 permanecen en UCI, 495 están en unidades de hospitalización e 6.239 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 1.783 altas de pacientes e 509 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 82.993 e o número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais de Galicia supoñen o 3,6% do total das persoas residentes. En total, contabilízanse 875 positivos en usuarios e 343 en profesionais. Faleceron 121 persoas en residencias e 116 en hospitais e residencias integradas.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
O Sergas ten ao dispor da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Relacionadas:
-
A área sanitaria inicia a semana con 569 casos activos de coronavirus, un máis que o domingo
Por Diego Espiño |
-
Mesmo número de altas e novos positivos por Covid-19 nas últimas horas, con 568 casos activos na área sanitaria
Por Diego Espiño |
-
Estabilidade nos pacientes hospitalizados mentres os casos activos seguen crecendo ata 550
Por Natalia Puga |