Ingresan en prisión os dous gardas civís detidos como 'toupas' de narcos
Por Redacción
Os dous axentes da Garda Civil detidos como supostos 'toupas' de narcos do Salnés ingresaron en prisión tras prestar declaración no Xulgado de Instrución número dous de Pontevedra.
O xuíz decretou o ingreso en prisión para tres dos seis detidos nesta operación, os dous gardas e un civil da comarca do Salnés. Os outros tres arrestados quedaron en liberdade tras prestar declaración nas dependencias da Garda Civil.
A operación segue aberta e non se descartan novas detencións, pero do coñecido ata o momento polos investigadores considérase que o período de tempo no que se levaron a cabo estas actividades ilícitas que axudarían a narcotraficantes arousanos é "bastante limitado".
Os dous axentes están acusados da suposta comisión dun delito de infidelidade na custodia de documentos oficiais. Revelarían datos de información oficial do Corpo a redes de narcos e mesmo terían chegado a poñelos á venda ao mellor ofertante.
Estes dous gardas, dos cales un é D.F.C., veciño do Grove, foron detidos como consecuencia dunha investigación maior que se resolveu ata o momento con seis detencións. Os outros catro detidos están acusados dun delito de revelación de segredos. A investigación é pola suposta comisión de varios delitos contra a Administración Pública.
O Corpo encadra estas detencións nas investigacións levadas a cabo pola Garda Civil no marco da loita contra os casos de corrupción que se poidan dar tanto fóra coma dentro da propia Institución.
A investigación foi dirixida conxuntamente polo maxistrado titular do Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra e o fiscal Antidroga, Luis Uriarte, e as detencións realizounas o Equipo contra o Crime Organizado (ECO) da Garda Civil.
Relacionadas:
-
O xuízo contra os gardas 'toupas' de narcos, suspendido pola folga da xustiza
Por Natalia Puga |
-
Dous gardas civís acusados de ser 'toupas' de narcos negan as filtracións de arquivos confidenciai
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Dous ex gardas civís irán a xuízo por ser 'topos' de narcotraficantes
Por Natalia Puga |
-
A Garda Civil estima que os dous axentes detidos foron 'topos' de narcos un tempo "bastante limitado"
Por Redacción |
-
Deteñen dous gardas civís nunha operación contra o narcotráfico en Arousa
Por Natalia Puga |