Andrés e Mencía, dous estudantes pontevedreses que viven a pandemia fóra do país
Por Alejandro Espiño
A pandemia do coronavirus pillou a moitos alumnos pontevedreses en plena estancia noutros países europeos, a través do programa Eramus. Algúns deles, ante o avance da enfermidade, decidiron regresar ás súas casas, pero moitos outros preferiron quedar no seu país de acollida.
Ata 240 mozos e mozas que estudan na Universidade de Vigo seguen, a día de hoxe, fóra de España continuando a súa formación en facultades de todo o vello continente.
Un deles é o pontevedrés Andrés Rey, que continúa na cidade de Stip, en Macedonia. Está no terceiro curso de Educación Primaria e comparte residencia dende comezos de curso con outros oito compañeiros españois.
"Seguimos aquí por decisión propia", explica Andrés, xa que tras ver como se ían anulando voos e falar coa embaixada e coa súa propia familia concluíu que a mellor opción era agardar a que a situación sanitaria mellorara.
A Macedonia o confinamento chegou un pouco máis tarde que en España, pero "pouco a pouco" comezaron a mesmas medidas de seguridade e hixiene en todos os ámbitos.
No seu caso, o confinamento é obrigatorio entre as catro da tarde e as seis da mañá e as fins de semana, polo contrario, non se pode saír a ningunha hora. Os supermercados e comercios de consumo esencial só están abertos polas mañás.
"Aquí lévase todo con tranquilidade e polo momento a xente non compra cantidades desmesuradas, o cal permite un bo abastecemento, e temos papel hixiénico dabondo polo momento", bromea tras o que sucedeu en España nas primeiras semanas de corentena.
Na súa residencia tan só quedan os estudantes españois e procuran facer o posible para amenizar o confinamento. "Tratamos de non caer nunha rutina aburrida para levar todo o mellor posible, xa sexa inventando xogos, facendo manualidades ou competicións e vendo moito Netflix", asegura o estudante pontevedrés.
Con todo, e a pesar das chamadas e videoconferencias coa familia e os amigos, recoñece que a experiencia na distancia "é dura pero tamén somos conscientes da oportunidade que temos de aprender e crecer fóra da nosa zona de confort e temos que aproveitala".
No que respecta á situación académica, Andrés apunta que as clases continúan en liña ou con proxectos titorizados polos profesores, pero tamén engade que unha situación "tan repentina e sen precedentes " provoca que os docentes estean "bastante perdidos e pouco organizados".
Andrés, igual que o resto dos españois que están en Macedonia, agarda regresa a casa, no seu caso a Pontevedra, a comezos do verán.
Mencía González, tamén de Pontevedra, é estudante de Relacións Laborais. Desde o primeiro cuadrimestre está na cidade polaca de Szczecin. Pero, no seu caso, permanecer alí non foi unha escolla persoal. Regresar implicaba ter que renunciar ao Erasmus.
Iso provocaría que tivera que cursar as materias que estaba estudando alí no segundo cuadrimestre, cando moitas delas xa se impartiron, o que afectaría ao seu plan de estudos.
Mentres continúa en Polonia, Mencía vive cunhas restricións semellantes ás de España, pero algo máis permisivas na mobilidade dentro da cidade. "Podemos saír a dar un pequeno paseo un máximo de dúas persoas xuntas e cunha distancia de seguridade de dous metros e o uso de máscara é obrigatorio en lugares públicos", explica.
Ela reside nunha residencia, da que sae unha vez á semana a facer a compra e tan só está en contacto con compañeiros na cociña.
"Nesta situación preferiría estar coa miña familia e amigos", recoñece a moza pontevedresa, que a pesar das videochamadas asegura que "boto de menos a súa compañía e apoio porque creo que dende a casa se vive de forma máis levadeira".
Mentres, segue en contacto co profesorado por correo e a docencia desenvólvese por vía telemática, "aínda que non todos os mestres fan uso dela", puntualiza.
Relacionadas:
-
RADIO.- Desde El Salvador a Pontevedra para facer un mestrado en tempos de pandemia
Por Marisa Ciordia |
-
Científicos galegos plantan cara ao coronavirus
Por Redacción |
-
Só seis Erasmus de Pontevedra regresaron a casa pola crise do coronavirus
Por Redacción |
-
As universidades galegas acordan non retomar as clases presenciais este curso
Por Redacción |