O PP denuncia que hai varios meses que as bandeiras española e galega non ondean no Concello de Barro
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado
O grupo municipal do Partido Popular denuncia que o alcalde do concello, José Manuel Fernández Abraldes leva varios meses incumprindo a Lei sen izar as bandeiras de España e de Galicia, "como é obrigatorio".
O voceiro popular, Jose Antonio Landín, recorda que "non é a primeira vez que o alcalde incumpre a Lei e quita as bandeiras sen ningún tipo de explicación". Así, sinala que xa hai dous ou tres anos que fixo o mesmo, e recolocounas polas queixas dos propios veciños.
Ademais, os populares engaden que á eliminación das bandeiras da Casa do Concello hai que sumar a substitución paulatina do escudo oficial do Concello, "unha decisión que tomou o alcalde de xeito unilateral, sen consultar con ninguén nin ser aprobado polos órganos do Concello". Recordan que o escudo o fixeron estudantes e profesores do centro Amor Ruibal, "e agora o cambiaron por un deseño que non sabemos nin quen o fixo, nin canto custou, porque se fixo de costas dos veciños e sen acordo plenario".
Por último, o voceiro sinala que o PP tamén continúa esperando unha resposta á proposta que plantexou ao Goberno local, para habilitar unha partida orzamentaria propia para axudar á xente máis vulnerable ante esta pandemia.
Por iso, pide unha vez máis ao alcalde que proceda a convocar a xunta de portavoces, plenos e comisións de forma telemática para poder aprobar axudas urxentes ás familias máis vulnerables, aos autónomos e PEMES.