O Sergas inicia este xoves en Pontevedra o estudo epidemiolóxico do coronavirus con 2.700 test
Por Oskar Viéitez
O Servizo Galego de Saúde inicia este xoves a primeira das dúas fases de test que conformarán o estudo epidemiolóxico deseñado pola Xunta de Galicia para coñecer cal é a situación e o desenvolvemento da pandemia do coronavirus cunha mostra moi importante da poboación galega.
Con esta análise, a Consellería de Sanidade pretende un triplo obxectivo: estimar a prevalencia da inmunidade fronte a Covid-19 nas diferentes localidades galegas, definir cal é a súa repercusión de acordo ás variables de sexo ou idade, e, finalmente, monitorar a evolución da epidemia durante o período de tempo en que se produza a recollida da información.
Deste xeito, agora realizarase unha primeira fase da mostraxe con 50.925 persoas e catro semanas despois recolleranse novas mostras a outras 50.925 persoas. E o Instituto Galego de Estatística será o que determine o tamaño da mostra necesaria para que os resultados sexan representativos por grupos de comarcas e para as sete grandes cidades.
Na cidade de Pontevedra realizaranse 2.700 mostras, en Ferrol 2.600 mostras, na Coruña 5.800, en Santiago 2.750, en Lugo 2.750, en Ourense 3.400 e en Vigo 6.800.
A poboación obxecto de investigación serán as persoas con tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde e, entre todas elas, elixirase aleatoriamente aos participantes no estudo diferenciados por sexo, idade, grandes concellos e áreas territoriais. O Sergas encargarase da realización dos test e da recollida de información e o Instituto Galego de Estatística enviará a listaxe de persoas seleccionadas a cada área sanitaria.
No tocante á loxística, a Xunta resaltou que cada centro de saúde terá asignada unha poboación concreta para estudar coa que contactará telefonicamente. Ás persoas que entren no estudo daráselles unha cita para que acudan ao seu centro de saúde para tomarlles a mostra mediante unha punción capilar; e, entre 15 e 20 minutos despois xa se coñecerá o resultado.
O goberno galego destacou que o estudo é completamente voluntario. E, no caso de dar positivo, realizarase unha proba PCR para confirmalo e seguirase o criterio clínico.
ESTUDO CLÍNICO DA ADOS
Por outra banda, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue iniciou este mércores en Vigo a extracción de plasma procedente de doentes recuperados da COVID-19.
Nesta fase inicial, os doentes foron seleccionados polo servizo de Hematoloxía e Hemoterapia do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo pero continuará a desenvolverse e extenderse entre todos os hospitais do sistema público de saúde de Galicia.
Relacionadas:
-
O estudo epidemiolóxico do coronavirus arranca sen incidencias en Pontevedra
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Feijóo ve "razoable" pensar na desescalada e en incrementar a actividade económica en Galicia
Por Diego Espiño |
-
Galicia fará as probas do coronavirus a 100.000 galegos para estimar a poboación "inmunizada"
Por Alejandro Espiño |
-
Feijóo dá por superada a fase aguda da crise e pide levantar restricións por territorios
Por Oskar Viéitez |