A ocupación hoteleira de Sanxenxo durante o mes de xullo mantense no 57%
Por Oskar Viéitez
O Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo fixo públicos os datos de ocupación correspondentes ao pasado mes de xullo que se sitúan nun 57,06%. Un resultado similar ao do pasado ano.
Segundo valora Alejandro Touriño, presidente de CETS, "constatamos que se mantén a ocupación total xeral con respecto ao mesmo mes do pasado ano", cumpríndose as previsións de continuidade na ocupación.
Na análise das razóns de tal comportamento, o Consorcio Turístico apunta a "a falta de días de calor e sol durante o mes de Xullo, exceptuando os primeiros días do mes, que non axudou a mellorar a porcentaxe de ocupación".
Alejandro Touriño indica que "a maioría dos nosos asociados certifican o crecemento no número de reservas de fins de semana, así como que se mantén a tendencia ao crecemento nas reservas online e información a través de internet".
"Manter a ocupación é un resultado que nos chama á esperanza tomando en conta todo o anteriormente exposto", resume Touriño.
Estes datos son os resultantes das enquisas efectuadas a todos os seus asociados, contabilizándose un total de 97 empresas de Sanxenxo asociadas a CETS que facilitou estes e posibilitou que as devanditas enquisas se puidesen realizar. En canto aos datos de consumo mantense unha caída acentuada.
"A crise económica é unha realidade palpable, sen dúbida onde máis se fixo notar é o consumo dos que nos visitan os que cada vez gastan menos", apuntou Alejandro Touriño.
"Seguimos percibindo a crise económica dos últimos anos que podemos cualificar como moi mala"
Na enquisa realizada entre os seus asociados, participaron 20 establecementos, dos sectores de restauración, ocio e oferta complementaria onde pedían que valorasen o índice de consumo dos clientes nunha escala de 1 a 5, o medio resultante é dun 3,01 con respecto ao 2.98 do ano pasado. "Seguimos percibindo a crise económica dos últimos anos que podemos cualificar como moi mala".
Outro dato a ter en conta sobre o comportamento do turismo durante o mes de xullo achégao o Concello de Sanxenxo que rexistrou "un aumento no consumo de auga en xullo con respecto a 2012 de 20.981 m3".
Para a alcadesa, Catalina González, este dato corrobora a percepción "que tivemos durante todo o mes pasado de que houbo moitos visitantes, aloxados no concello ou que viñeron pasar o día e gozar das nosas praias, o que confirma unha vez máis este concello como un dos destinos de vacacións de referencia en Galicia e no resto do país".
Pola súa banda, o balance facilitado á Concellaría de Medio pola concesionaria do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos relativos a ese período apunta a un descenso na xeración de restos orgánicos, que pasaron de 1.516.790 quilos en 2012 a 1.421.800 en 2013. Iso si, esta baixada está compensada polo notable incremento rexistrado na recollida selectiva de residuos.
"nos movemos en marxes que non son os que nos gustaría pero a xente segue apostando por Sanxenxo"
Catalina González achegou outro elemento para este balance, a percepción xeneralizada de que "o ambiente durante finais de xuño e todo o mes de xullo foi fantástico, houbo moita xente", sobre o dato do consumo a alcaldesa indica que "aínda que a súa capacidade de gasto do turista se reduciu bastante e a oferta tanto en restauración e hospedaxe se incrementou co que xuntamos que: cada vez é menos diñeiro e máis sitios onde gastalo. En conclusión a rexedora sinala que "nos movemos en marxes que non son os que nos gustaría pero a xente segue apostando por Sanxenxo".
Coincide neste sentido como Alejandro Touriño que engade que "sen dúbida a marca Sanxenxo como destino turístico segue sendo o noso maior baluarte. De aí a importancia da promoción e comercialización turística desta, apostamos pola continuidade na promoción da marca Sanxenxo como un dos destinos turísticos máis importantes do Norte de España, traballando conxuntamente coas distintas administracións. A devandita colaboración e traballo conxunto é fundamental para seguir contando con este sector económico vital e exclusivo para o noso municipio".
Chema Figueroa sinala ao bo tempo como un factor "determinante" á hora de reservar prazas hoteleiras
Pola súa banda, José Manuel Figueroa, Presidente de Turismo Rías Baixas felicitou ao sector "porque está a aguantar nuns momento moi duros, mantendo os prezos razoables cun produto de gran calidade".
Igualmente Chema Figueroa sinala ao bo tempo como un factor "determinante" á hora de reservar prazas hoteleiras pero confía en que o mes de agosto, "especialmente con La Vuelta se vai recuperar a ocupación".
Finalmente Catalina González apunta a que o mes de agosto "vai ser máis tranquilo, é un turismo distinto, a xuventude desprázase, o batifondo de festa desprázase a outros puntos da bisbarra, primeiro ao albariño a Cambados, logo a penas a Pontevedra... co que ao final o ambiente se transforma de xeito radical cun pouquiño máis de relax a pesar de que aumenta a ocupación e o número de persoas que nos acompañan. En liñas xerais se o tempo se mantén nós cremos que o verán non vai estar á altura do que nos gustaría pero estamos moi contentos de que os turistas manteñan a súa aposta por Sanxenxo".
Relacionadas:
-
Agosto deixa "moi bos datos turísticos" en Sanxenxo
Por Redacción |
-
Pontevedra pechou o mes de xullo cunha ocupación hoteleira do 65%
Por Redacción |
-
Poio mellora a súa ocupación turística respecto ao ano pasado
Por Redacción |
-
La Vuelta ciclista ocupará 4.787 camas en hoteis do Grove, Sanxenxo, Pontevedra, Vigo, Vilanova e Cambados
Por Oskar Viéitez |