‘Hama Cóctel Bar’ reinventa a coctelería a domicilio
Durante este tempo de confinamento, unha boa maneira de manter o ánimo arriba é alternar as rutinas con momentos de relax. Fronte á tensión destes días, HAMA CÓCTEL BAR propón gozar de pequenas celebracións nos fogares co seu servizo HAMAencasa.
Curiosamente, esta iniciativa xorde das propias demandas dos clientes, que empezaron a contactar co propietario de HAMA CÓCTEL BAR para consultarlle se sería posible seguir gozando dos seus combinados a domicilio.
O teléfono de contacto de HAMAencasa é o 655 314 117, onde tamén conta con servizo de whatsapp para facilitar os pedidos. A repartición realízase gratuitamente todos os xoves en Pontevedra, Marín e Poio, que é desde onde están a chegar as peticións. Para entrega noutras zonas, pódense consultar os portes no mesmo teléfono.
Na páxina de facebook de HAMA CÓCTEL BAR publícanse os diferentes packs que se ofrecen para a entrega. Pero se se prefire unha petición especial, a partir dun pedido mínimo de 20 euros pódese adquirir calquera viño ou destilado, entre máis de 500 referencias.
UNHA HISTORIA DE SUPERACIÓN
HAMA CÓCTEL BAR naceu en 2008, o ano da crise económica que o seu propietario, Luis López Rodiño, soubo remontar grazas a un concepto novo en Pontevedra: a coctelería clásica e de autor, a copa tranquila nun local intimista no que o principal era degustar calidade en destilados, combinados e cócteles.
O seu bo facer detrás da barra e a atención perfecta do seu equipo fóra dela fixeron que se convertese en local de referencia, e que en xaneiro de 2019 puidese aumentar o negocio, trasladándose a un novo local, na Praza Marqués de Aranda, e pasar a ser HAMA BAR, ofrecendo concertos os sábados ás 13:00 horas e ampliando horario de apertura ás tardes e vermús.
Coa chegada do 2020 e a gran crise que estamos a vivir, a hostalería sofre o que seguramente sexa o maior golpe na súa historia recente, e do que só sobrevivirán os que saiban reinventarse e ofrecer aos seus clientes alternativas acordes coa realidade que vivimos.
Luis, sumiller e barman profesional, tratou de adaptarse a este concepto e pensar en como achegar un valor engadido aos seus clientes. E así xorde HAMAencasa, cunha dobre pretensión: que o cliente poida gozar dun cóctel ou combinado tal e como o tomaría en HAMA, e que poida contar co asesoramento dun profesional á hora de elixir o produto.
Os produtos que ofrece son os seguintes:
- Destilados, entre máis de 500 referencias.
- Packs HAMAencasa, que conteñen todo o necesario para preparar o cóctel elixido. Actualmente ofrece o Pack Mojito e o Pack Caipirinha, pero están en preparación outras elaboracións de coctelería. Tamén combinados, como os Packs Gin e os Packs Combinado, en versións clásica e premium. No seu interior, Luis achega unha receita, no caso dos cócteles, ou unha explicación do destilado elixido para o combinado, co "perfect server" do mesmo (froitas deshidratadas, froitos frescos, botánicos ou aromáticas), sen esquecernos do gran compañeiro de calquera boa copa: o recipiente onde bebela, que HAMAencasa regala co pack.
- Packs SOM, que tratan de ser algo máis que unha botella de viño a domicilio. Trátase de que o cliente propoña, e HAMA suxira opcións: posibles maridaxes, estilos de viño, peticións especiais... Para os clientes que teñan máis ganas de ser sorprendidos, HAMAencasa preelabora algúns Packs, agrupando viños cun criterio climatolóxico (Atlántico, Mediterráneo, Oceánico) ou xeográfico, nacional ou internacional.