A área sanitaria rexistra tan só un novo positivo por coronavirus na última xornada e baixan os pacientes en UCI
Por Natalia Puga
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés segue cos casos de coronavirus estabilizados como durante os últimos días e este luns contabiliza un total de 508 positivos, un máis que o domingo. O número de pacientes hospitalizados mantense, aínda que se reduciu un dos ingresados na Unidade de Coidados Intensivos.
Segundo o balance oficial facilitado polo Servizo Galego de Saúde, este luns 20 de abril hai 35 pacientes hospitalizados, os mesmos que o domingo, aínda que os 10 que evolucionaban en UCI descenderon a nove. Os outros 26 están hospitalizados en planta, 1 deles no Hospital do Salnés, un en QuirónSalud Miguel Domínguez e o resto no Hospital Montecelo.
Os 473 casos restantes están en domicilio e desde o inicio da pandemia, a área sanitaria prescribiu 144 altas hospitalarias. Non se produciu ningunha nova desde o domingo, de modo que hai un positivo máis porque tan só contabilizouse un novo caso.
Desde o inicio do plan de continxencia do COVID-19 faleceron nesta área sanitaria 14 pacientes.
A nivel autonómico, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia ascende a 6.296, deles 1.408 son da área da Coruña, 605 da de Lugo, 1.243 da de Ourense, 508 da de Pontevedra, 1.142 da área de Vigo, 1.046 da de Santiago, e 344 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 108 permanecen en UCI, 601 están en unidades de hospitalización e 5.587 no domicilio. Por agora, en Galicia rexistráronse 1.548 altas de pacientes e 455 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 67.639 e o número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais de Galicia supoñen o 3,9% do total das persoas residentes. En total, contabilízanse 960 positivos en usuarios e 419 en profesionais. Faleceron 103 persoas en residencias e 98 en hospitais e residencias integradas.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.O Sergas ten ao dispor da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Relacionadas:
-
Incremento ata os 535 casos activos de coronavirus na área sanitaria, pero con novo descenso nas hospitalizacións
Por Diego Espiño |
-
Dous pacientes menos en UCI na área sanitaria, que suma 515 casos activos
Por Natalia Puga |
-
Mesmo número de afectados por coronavirus que o sábado, con 507 casos activos na área sanitaria
Por Diego Espiño |