Deteñen un mozo que incumpriu o confinamento en patinete eléctrico e cuspiu a un garda civil que o sancionou
Por Redacción
A Garda Civil detivo un veciño de Vilanova de Arousa de 25 anos que, tras ser sorprendido incumprindo o confinamento, cuspiu na cara a un dos axentes que lle ía a sancionar e deuse á fuga.
Segundo a información facilitada pola Garda Civil, os feitos sucederon sobre as 18.00 do pasado venres na estrada PO-531 ao seu paso por Vilanova de Arousa. Unha patrulla do destacamento de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra sorprendeu este mozo circulando en sentido contrario cun patinete eléctrico e deulle o alto para identificalo.
Unha vez identificado, no momento que estaba a ser notificado das infraccións que cometera, cuspiulle na cara a uns dos axentes e deuse á fuga. Xa antes desta reacción ía ser denunciado por non respectar o confinamento e circular en sentido contrario co patinete, dando, ademais, resultado positivo indiciario en drogas.
Dúas horas máis tarde, foi localizado no seu domicilio e procedeuse á súa detención como presunto autor de dous delitos de desobediencia grave á autoridade e contra a orde pública.
O Grupo de Información e Análise de Tráfico (GIAT) do Subsector de Tráfico de Pontevedra instruíu as dilixencias que, xunto co detido, foron entregadas no Xulgado de Garda de Vilagarcía de Arousa.
Relacionadas:
-
Interceptado sobre un patinete non regulamentario, falando polo móbil e circulando pola beirarrúa
Por Redacción |
-
Denuncian un mozo que circulaba bébedo e en patinete eléctrico de madrugada
Por Redacción |
-
Un mozo de 26 anos, detido en Marín por circular drogado, sen carné e con cocaína e heroína no coche
Por Redacción |