Sanidade fixará o prezo máximo de máscaras, luvas e xeles hidroalcohólicos
Por Redacción
O Boletín Oficial do Estado (BOE) publica este domingo unha orde do Ministerio de Sanidade pola que se establecen medidas excepcionais para garantir o acceso da poboación aos produtos de uso recomendados como medidas hixiénicas para a prevención de contaxios polo COVID-19.
Isto supoñerá na práctica que os cidadáns poidan acceder a determinados produtos de protección "en condicións económicas non abusivas", sinala o Goberno.
A orde establece o procedemento para a fixación do importe máximo de venda ao público dos produtos sanitarios (máscaras cirúrxicas e luvas), así como daqueles produtos necesarios (máscaras hixiénicas e solucións hidroalcóholicas) para a protección da saúde da poboación.
A partir de agora será a Comisión Interministerial de Prezos dos Medicamentos quen fixará o importe máximo de venda ao público. Farao no prazo máximo de 48 horas desde a publicación do BOE, onde se publicará o prezo de cada produto.
Ademais no texto determínase a información que debe establecerse na etiquetaxe das máscaras hixiénicas. A cidadanía deberá fixarse especialmente en dous valores da etiquetaxe: a eficacia de filtración bacteriana, é dicir, a eficacia que ten a máscara como barreira fronte á penetración bacteriana, que debe ser igual ou superior ao 90%. E en segundo lugar, a respirabilidade, é dicir, a presión diferencial que se necesita para facer pasar o aire a través da máscara. Debe ser inferior ao 60 Pa/cm2.
En canto ás máscaras hixiénicas reutilizables, a etiquetaxe debe indicar o número de lavados máximo así como un método de lavado ou hixienización.
Doutra banda a venda unitaria de máscaras cirúrxicas que non estean empaquetadas individualmente só poderase realizar nas oficinas de farmacia garantindo unhas condicións de hixiene adecuadas que salvagarden a calidade do produto.