Marín adxudica a futura humanización da Avenida de Ourense
Por Redacción
A Mesa de Contratación do Concello de Marín celebrou esta semana a súa sesión telemática, a través da plataforma de teleconferencia do Estado "Reúnete" e da Plataforma de Contratos do Estado, para adxudicar os dous lotes que compoñen os pregos de contratación da obra de humanización da Avenida de Ourense, que mellorará a mobilidade e o aspecto urbano da principal arteria viaria de Marín.
No que respecta ao lote 1, correspondente á renovación de toda a iluminación do viario, que pasará a cumprir con todos os estándares de eficiencia enerxética; resultou adxudicataria a empresa Construcciones Obras e Viais SA (COVSA), cun orzamento de licitación de 266.380 euros (máis IVE).
O lote 2, adicado á propia reurbanización da avenida, será executado pola empresa Obras, Reformas y Saneamientos SL, por un importe de 792.889 euros (máis IVE).
O prazo de execución desta obra será de 12 meses, a contar desde a comprobación do reprantexo, e terá un prazo de garantía de 6 anos.
"Agora máis ca nunca temos que promover a contratación pública que tiñamos pendente, axudando ás empresas nun momento moi complexo, no que teremos que remar xuntos para paliar na medida do posible o impacto económico que terá a terrible pandemia que estamos a padecer", afirmou a alcaldesa da vila, María Ramallo.
A humanización da Avenida de Ourense é un dos piares fundamentais da EDUSI #Marín2020, a estratexia de desenvolvemento urbano sostible integrado, cofinanciada cos fondos europeos do FEDER.
Relacionadas:
-
Comeza a construción do carril bici da Avenida de Ourense en Marín
Por Redacción |
-
Marín reforma a cuberta e a contorna do lavadoiro do río de Casás
Por Redacción |
-
Conectan con éxito o novo colector da Avenida de Ourense co resto da rede de augas residuais de Marín
Por Redacción |
-
15 empresas optan ás obras de humanización da Avenida de Ourense
Por Redacción |