O Concello de Poio repartiu 8.000 euros para axudar ás familias máis necesitadas
Por Redacción
Desde que se decretou o estado de alarma o pasado 14 de marzo, o Concello de Poio, a través do departamento de Servizos Sociais, destinou preto de 8.000 euros para axudar ás persoas que se atopan en situación de risco e exclusión.
Nestes momentos, un mes despois de que comezou o confinamento, unhas 80 familias sen recursos do municipio de Poio víronse beneficiadas con esta liña de axudas, que inclúe, entre outras medidas, a entrega de vales de compra para alimentos ou a repartición de produtos de primeira necesidade, como alimentos ou medicinas. Ademais, a Concellería de Benestar Social tamén está a asumir os custos derivados do aluguer de persoas que non poden facer fronte aos pagos.
A socialista Rosa Fernández, responsable da área, detalla que "xa repartimos 77 vales de compra cunha contía total de 1.500 euros aproximadamente". Así mesmo, nesta última semana, repartiron 2.000 euros para alugueres provenientes das arcas municipais, concretamente da destinada a emerxencias.
"Centrámonos sobre todo en tratar de ofrecer produtos que a xente necesita para poder cociñar e produtos de limpeza e hixiene persoal que tamén son de primeira necesidade", comentou a socialista.
Ademais das familias en situación de risco, o departamento municipal tamén está pendente dos casos puntuais de veciños e veciñas infectados polo COVID-19 ou que se atopan en corentena e que non contan con familiares ou xente próxima que poida levarlles a comida ou retirar os restos de lixo.
Por último, a concelleira agradeceu ás empresas que nas últimas semanas están a realizar donativos de maneira desinteresada. É o caso, por exemplo, de locais como Dis-Nieto ou o Bar A Seca, que doaron, respectivamente, 600 litros de leite e lotes de produtos alimenticios, ou dunha veciña que entregou alimentos cando lle foron a entregar máscaras
Relacionadas:
-
Servizos Sociais de Poio presta auxilio a preto de 300 familias en situación de risco
Por Redacción |
-
O Concello de Poio vixía que os maiores tamén traballen a memoria durante o confinamento
Por Redacción |
-
O Concello de Poio retomará as sesións do goberno local vía telemática
Por Redacción |
-
VÍDEO TITORIAL.- Así se fai unha mascarilla
Por Oskar Viéitez |
-
Mapa interactivo cos establecementos operativos en Poio
Por Redacción |
-
Poio reforza a súa Policía Local coa incorporación de dous novos auxiliares
Por Redacción |
-
A Xunta inxecta aos concellos diñeiro do Fondo de Cooperación Local para loitar contra o coronavirus
Por Redacción |