Carmela Silva aprema a Feijóo para que a Xunta axilice a tramitación dos ERTE
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva apremou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo para que a administración autonómica axilice a tramitación dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) que se produciron nos últimos días polo coronavirus.
Nunha videoconferencia de prensa a presidenta provincial ha anunciado que este mesmo venres escribiu unha carta a Núñez Feijóo para pedirlle que revogue a orde da Xunta publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 2 de abril que duplica o tempo necesario para resolver e notificar os procedementos de suspensión temporal de contratos.
Segundo sinalou a presidenta da Deputación de Pontevedra o Goberno central autorizou a tramitación exprés de cada ERTE para que se poida facer en tan só cinco días pero "a Xunta de Galicia decidiu tramitalos en dez, que se converten realmente en quince".
Carmela Silva indicou que ese prazo da Xunta "está a significar que hai atraso para que cheguen os recursos ás persoas afectadas".
Na misiva dirixida ao presidente do Executivo galego explícalle que representantes de firmas do sector servizos, do turístico ou das pemes "dirixíronse á Deputación de Pontevedra dicindo que non están a chegar os recursos" polo que Carmela Silva reclamou a Feijóo "que aprobe unha nova orde e que non se dupliquen os días de tramitación dos ERTEs en Galicia" esixíndolle, en definitiva, "que se cumpra o decreto aprobado polo Goberno de España", dixo.
A mandataria socialista engadiu que se a administración autonómica non ten tempo suficiente para estudar a multitude de solicitudes presentadas polas empresas galegas "se non hai recursos humanos, telemáticos ou materiais, que se contraten".
Carmela Silva decidiuse a escribir esta carta ao presidente da Xunta "unha vez que el informou que lle pedía ao Goberno de España que axilizase os ERTEs" acusando a Madrid de non pagar a tempo cando "o problema, no caso de Galicia, está na propia Xunta que duplicou os días" o que dilata este proceso burocrático.
A principios de mes, o 3 de abril, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xa dirixira outra carta ao titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, suxeríndolle que coonvocara ás catro deputacións nunha reunión telemática para tomar decisións sobre a evolución da pandemia.
Carmela Silva trasladaba esta iniciativa "con ánimo e afán de cooperación" e hoxe dixo que aínda non tivo resposta, aínda que os gobernos doutras comunidades se que organizaron este tipo de reunións.
A este respecto, o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Touris, explicou que xa se resolveron case o 90% dos expedientes presentados.
O problema na súa tramitación, segundo Cores Tourís, é que centos de persoas afectadas por estes ERTE non recibiron a prestación por parte do Goberno central, a pesar de que os seus expedientes xa foron aprobados pola autoridade laboral.
Por iso, o delegado da Xunta reclama ao Ministerio de Traballo que teña unha "máxima sensibilidade" con estas familias e pague as prestacións a medida que os expedientes de regulación vanse resolvendo.
"Ninguén podería entender que unha familia teña que esperar ata o mes de maio para cobrar a súa prestación cando o traballador está na súa casa e cun ERTE xa autorizado", sinalou.
Ademais, Cores Tourís instou a que a Deputación de Pontevedra abandone a súa "política de confrontación" e que "siga o exemplo" das da Coruña e Ourense e achegue máscaras de protección para repartir entre os concellos.
Cores Tourís, que esixiu "lealdade institucional" ao goberno provincial de Pontevedra, lembrou que a loita contra o coronavirus "é un labor de todos" e que ante a "gravidade" desta crise sanitaria "hai que abandonar a confrontación constante".
"Seguimos asistindo con sorpresa ao intento da institución provincial de romper esta unidade", denunciou o delegado do goberno galego, que solicita á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que sexa "consciente" da situación.
Relacionadas:
-
A Deputación propón facer test de coronavirus en empresas con máis de cen traballadores
Por Redacción |
-
Carmela Silva pide ás entidades financeiras que axilicen as xestións para axudar a familias e empresas
Por Redacción |
-
A Deputación medirá a temperatura aos cidadáns que acudan a algúns dos seus edificios
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación prorrogará case un ano o prazo para rematar as obras do plan Deporemse
Por Oskar Viéitez |
-
20 proxectos empresariais con presentación online abren o quinto Coworking da Deputación
Por Redacción |
-
O próximo maio poderase coñecer un estudo sobre o impacto do COVID19 no turismo da provincia
Por Redacción |
-
Case 2 millóns de euros da Deputación para facer fronte á crise do coronavirus
Por Redacción |