A comunidade islámica de Pontevedra tamén comezará o Ramadán no confinamento
Por Marisa Ciordia
De acordo ás normas fixadas desde o pasado 17 de marzo, as mesquitas en España permanecen pechadas. A de Pontevedra non foi unha excepción. E así seguirá ata que as decisións que adopte o Goberno permitan a súa reapertura. Esta circunstancia conleva que quen profesa a relixión do islam, vivirán o Ramadán no confinamento, non será posible vivilo en comunidade.
O Ramadán comezará este ano o 24 de abril e concluirá o 24 de maio, de acordo ao calendario hijri; o seu calendario lunar, tamén de doce meses, pero con once ou doce días menos que o calendario gregoriano. Trátase dun mes sacro no que conmemoran que o profeta Mahoma recibiu a primeira revelación do Corán. É obrigatorio para todos os musulmáns sans con algunhas condicións que incumben a idades e sexos.
Durante ese mes, deben cumprir o xaxún absoluto, nin beber nin comer, desde o amanacer ata que se pon o sol - entre as 5.44 horas ata as 21.30 horas-, e realizar cinco rezos diarios "só ou coa familia" orientados cara á Meca, durante cinco minutos. A estas tamén se suma o azaque, ou zakat, que se correspondería a dar caridade para purificar riquezas.
O presidente da comunidade musulmá en Pontevedra, Mohamed Bah explica que "sempre facemos os rezos na mesquita, pero agora con esta enfermidade, para evitar contagios, rezamos en casa. Así que todo o que se fai durante o Ramadán, farase desde as casas".
O momento de cada unha desas cinco lecturas do Corán está pautada, de feito Mohamed tenos perfectamente memorizados: 05.44, 14.29, 18.19, 21.23 horas "que é cando facemos o almorzo o primeiro día e o último ás 22.55 horas, tras o que adoitamos facer quince ou vinte minutos de rezo, a parte". Polo si ou polo non a memoria falla, existen aplicacións para dispositivos móbiles que "fan saltar unha alarma para cada hora de rezo".
A comunidade musulmá en Pontevedra, que supón ao redor de tres mil persoas, está a vivir esta pandemia "igual que o resto, con maior ou menor medo e cumprindo o peche". Mohamed Bah ten unha carnicería onde tamén vende outros produtos de alimentación. Recibe pedidos que leva a domicilio para aquelas persoas que non poden ou prefiren non saír; e tamén cumpre as máximas establecidas de distanciamento, de forma que só entran para facer a compra dúas persoas ao mesmo tempo. "Hai que evitar a enfermidade para os demais e tamén para min porque non podo levar a enfermidade á miña familia", xa que vive coa súa muller e un sobriño.
Dentro desta comunidade pontevedresa o coronavirus non se levou a vida de ningún membro, pero si que falecía o pasado día 6 Riay Tatary Bakry, presidente das Comunidades Islámicas de España durante o últimos trinta anos e este mesmo luns 13 a muller de Bakry, apunta Mohamed.
O consello de Bah é sentido común: "que atendamos todos ás normas do Goberno quedándose na casa para evitar problemas e despois poder saír con normalidade". Tamén traslada un agradecemento: "grazas a todos os que están a axudar contra a enfermidade, á Policía, Garda Civil, a Xunta, o Concello e grazas tamén a quen se está quedando na casa".
Relacionadas:
-
Un doce marroquí, unha historia de superación e o Ramadán
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Conta atrás para o comezo de 'Amal en Ruta Pontevedra 19'
Por Almu Dapena |
-
A cuarta parte da poboación identifícase como non crente ou atea
Por Oskar Viéitez |
-
RADIO.- Cara a cara cun verdadeiro musulmán
Por Marisa Ciordia |