Poio estuda fórmulas para reducir o impacto económico do coronavirus no municipio
Por Redacción
Gran parte dos sectores produtivos de Poio, como a boa parte dos de toda España, están a sufrir directamente as consecuencias do coronavirus. De aí que o goberno municipal avance que o Concello está a estudar fórmulas para reducir o impacto económico desta pandemia.
Entre os máis afectados, sinalan desde o Concello, están a hostalería e o comercio, actividades que permanecen paralizadas desde que se decretara o vixente estado de alarma, a mediados do pasado mes de marzo.
O concelleiro de Economía, Xulio Barreiro, explicou que os técnicos municipais están traballando nun plan económico, que debe cumprir "de xeito escrupuloso" coas pautas que establecen as normativas vixentes en clave tributaria e de facenda pública.
A este respecto, o Concello aposta por suspender o período de pago en voluntaria de varias taxas, entre as que se inclúen as tramitadas a través do ORAL, como son o imposto de vehículos, o IBI ou os valados, entre outros.
Estas suspensións tamén se aplicarán a servizos como o abastecemento ou a recollida do lixo e veranse reflectidos no recibo correspondente ao segundo bimestre do ano.
A maiores, os técnicos municipais desenvolven un estudo para analizar o impacto económico da crise entre o comercio e a hostalería.
Mentres tanto, xa se tomou algunha medida como a devolución da parte proporcional da taxa de terrazas e mercados correspondente ao tempo durante o cal non se poida realizar a actividade, como consecuencia do estado de alarma.
Ademais, no encontro que mantivo este xoves de xeito virtual a xunta de voceiros tamén se analizaron outras medidas como os descontos aos usuarios das escolas deportivas nas inscricións da vindeira temporada, para compensar a suspensión actual das actividades.
Con respecto ao ximnasio municipal, a aqueles usuarios que xa pagaran a cota do mes de marzo se lles aplicará un desconto en canto se poidan reabrir as instalacións e suspenderanse os recibos correspondentes ao tempo que permanezan pechadas estas dependencias.
Durante a reunión, o voceiro do PP, Ángel Moldes, trasladou as queixas de varios comerciantes que, pese a permanecer abertos, non figuran na web nin foron contactados polos responsables municipais, polo que pediu que o listado non deixe atrás a ninguén e sexa o máis completo posible para axudar aos pequenos empresarios locais.
Moldes tamén comunicou as inquedanzas e dúbidas de moitos veciños polo reparto de máscaras, e as informacións "contraditorias ou incompletas" sobre o mesmo.
O voceiro popular relatou o caso de familias que viron que se repartiu pola súa zona e a eles non lles chegaron ou que directamente non se lles repartiu e non saben cando van poder dispoñer delas pese a ter maiores e persoas de risco na casa.
Ademais, trasladou a precaución de numerosos autónomos e pequenos empresarios sobre a posible eliminación de impostos, porque "se os autónomos e as pemes teñen cero ingresos durante o confinamento o concello debe cobrarlles cero impostos"; ou futuros plans de axudas para axudar aos máis prexudicados pola emerxencia sanitaria.
Relacionadas:
-
Un pleno extraordinario aprobará a bonificación total do recibo do lixo dos comercios inactivos durante o confinamento
Por Redacción |
-
Os pagamentos de varias taxas municipais en Poio poderán fraccionarse ata en seis meses
Por Redacción |
-
Cales son os establecementos operativos en Poio? A web municipal ofrecerá unha listaxe
Por Redacción |
-
O Concello de Poio vixía que ninguén se quede sen acceso á educación por falta de recursos
Por Oskar Viéitez |
-
Poio fai promoción turística nas redes pensando na volta á normalidade
Por Oskar Viéitez |