As denuncias da Policía Local de Vilagarcía por incumprir o confinamento xa son 214
Por Oskar Viéitez
Dende a declaración do estado de alarma, a Policía Local de Vilagarcía de Arousa xa tramitou 224 denuncias por incumprimento das ordes de confinamento.
As formuladas nos primeiros 15 días de abril (143) duplican ás rexistradas nos 20 de marzo (71).
Entre os días 13 e 17 de marzo non se interpuxo ningunha, posto que os primeiros días foron de concienciación. O 18 de marzo datouse a primeira e única e a partir de aí xa comezou a subir.
Os días de máis denuncias foron o 24 de marzo (1) e o 3 (15), 5 (13), 7 (14), 8 (14) e 10 de abril (15). Hai algúns caso de reiteración, pero son os menos.
Este mércores mentres os axentes municipais perseguían uns mozos que se reuniran no parque o coche patrulla da Policía Local vilagarciá quedou atrapado na pasarela da Xunqueira que cruza o río do Con.
Os dous policías incorporáronse recentemente ao corpo local e descoñecían que pola pontella non poden pasar vehículos xa que as táboas non soportan o peso dun coche e, ademáis, remata nunhas escaleiras.
SUBDELEGACIÓN
Todas as denuncias que interpón a Policía Local son tramitadas diante da Subdelegación do Goberno, que é quen determina as consecuencias do incumprimento. As causas son sempre as mesmas: desprazamentos indebidos en vehículos, paseos con mascota moi lonxe do domicilio, desprazamentos para compras a moita distancia da casa e estancias na rúa sen xustificación.
En calquera caso, dende o Concello se destaca e agradece que a inmensa maioría da poboación está cumprindo estritamente coas directrices das autoridades sanitarias. 214 denuncias nunha poboación de case 38.000 habitantes supón apenas o 0,5% do total.