57.000 euros para reformar o edificio do Concello de Cuntis
Por Redacción
O edificio do Concello de Cuntis será remodelado, sobre todo na zona da cuberta e na carpintaría das portas do inmoble que se encontran moi deterioradas. As instalacións mesmo sufriron desprendementos no salón de plenos.
O proxecto de remodelación da Casa consistorial conta cun orzamento de 57.000 euros e será financiado pola Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra que achegarán 25.000 euros cada un, mentres que o propio Concello de Cuntis asumirá os 7.000 euros restantes.
Con estas obras intentaranse eliminar os problemas de humidades e de filtración de auga que provocaron deficiencias no edificio que son causa de perigo da seguridade dos traballadores e dos veciños que visitan o concello.
O alcalde de Cuntis, Antonio Pena, asinaba o acordo co vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e co presidente da Deputación Provincial, Rafael Louzán que realizaron unha visita polas instalacións e polos arredores do Concello.