Lores quere comezar xa as obras de reforma de Loureiro Crespo
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e o equipo técnico municipal mantiveron este martes unha primeira reunión para activar "todas as obras que sexa posible", tanto obras de empresas concesionarias como de firmas con contratos en marcha ou con novos contratos.
No ámbito urbano anunciou "posibilidades reais" de iniciar a obra de reforma da rúa Loureiro Crespo entre finais desta semana e finais da próxima. Trátase de "a obra urbana máis potente que se fixo nunca no Concello", cun orzamento de preto de 3 millóns de euros e que inclúe todo Loureiro Crespo ata chegar á Avenida de Lugo e todas as perimetrais do barrio do Castañal.
Fernández Lores explicou que se está estudando, antes de comezala, a fórmula máis acaída para garantir a seguridade dos traballadores e evitar os aspectos negativos das obras para as persoas confinadas.
Entre as opcións mencionou a posibilidade de que a empresa opte "por unha xornada intensiva, pero que non comece ás sete da mañá", e a posiblidade de que o Concello poña ao dispor da empresa algún espazo para cuestións de intendencia, como sería a comida dos traballadores.
Nunha videoconferencia cos medios de comunicación, Fernández Lores explicou que "a nosa preocupación maioritaria é que cando se inicien as obras se respecten todos os mecanismos de seguridade".
Un dos aspectos que se puxo encima da mesa, segundo indicou Fernández Lores, son as dificultades para retomar esta actividade "por moitas circunstancias" que teñen que ver coa situación das propias empresas, porque algunhas están cun ERTE e outras teñen dificultades de subministración, "realmente retomar toda esa actividade económica vai ser complexo", admitiu.
"Realmente retomar toda esa actividade económica vai ser complexo", admitiu o alcalde
O rexedor do BNG garantiu que desde o Concello "imos poñer todo da nosa parte para activar esa actividade económica". Así, Fernández Lores enumerou as obras que, en principio, poderían comezar tanto nesta semana como nas seguintes.
Ademais da xa citada reforma de Loureiro Crespo, Lores indicou que se vai a continuar e tratar de finalizar en prazo a obra do Puente do Burgo, que se vai a iniciar o parque infantil de Médico Ballina, que se retomarán as obras do edificio municipal de Ferreiros, e as obras de mantemento de espazos públicos urbanos, que comezarán polos puntos nos que os técnicos consideren máis necesario actuar inmediatamente.
No rural, retomarase o Centro Social de Cacheiro, na Canicouva e tentarase iniciar a obra do Centro Social dos Campos, en Mourente. Tamén mencionou un conxunto de pequenas obras adxudicadas as distintas empresas e que suman ao redor de 600.000 euros.
O conxunto destas obras de Viaqua suma ao redor de 20 millóns de euros
OBRAS DE SANEAMENTO
Ademais, o alcalde informou que a empresa concesionaria do Ciclo da auga, Viaqua xa confirmou que a partir deste mércores e ao longo desta semana comezará as obras de saneamento de Verducido, de abastecemento de Marcón na conexión co depósito de Castro Senín e de abastecemento de Salcedo.
A próxima semana, previu o inicio do saneamento de Santo André de Xeve, o saneamento de Campañó e obras de abastecemento de Castro Senín, en Mourente. O conxunto destas obras de Viaqua suma ao redor de 20 millóns de euros.
Relacionadas:
-
Pechan ao tráfico de Loureiro Crespo entre Casimiro Gómez e Gonzalo Gallas para abordar as obras de reforma
Por Redacción |
-
Trasládase a parada de taxis para iniciar as obras de Loureiro Crespo
Por Redacción |
-
A reforma de Loureiro Crespo comezará o luns no extremo pegado á Praza do Hospital
Por Alejandro Espiño |
-
Inician os traballos para ter a cidade mellor acondicionada para a volta do confinamento
Por Oskar Viéitez |
-
Juan Bautista Andrade estrea pasarela peonil para acceder ao aparcamento de Pasarón
Por Redacción |
-
Un agasallo para cando os nenos da rúa Médico Ballina rematen o confinamento
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra tramita contratos por 11,3 millóns de euros para "activar a economía local"
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra prepara un "plan de choque" para reactivar a economía o "día despois" do coronavirus
Por Alejandro Espiño |