Así vixían na ETAP de Lérez que a auga potable chegue ás vivendas durante este estado de alarma
Por Redacción
Dúas caravanas atópanse situadas ante a planta de tratamento de auga potable (ETAP) de Lérez. Dous traballadores de Viaqua, empresa adxudicataria da xestión da auga en Pontevedra, utilízanas como vivenda temporal mentres se encargan de vixiar e garantir que a estación funcione correctamente e desta forma, permitir que a cidade de Pontevedra poida seguir con abastecemento de auga durante este estado de alarma.
A medida, segundo o Concello de Pontevedra, adoptábase desde o primeiro día en que o Goberno do Estado decretaba o estado de alarma. A empresa concesionaria instalaba dúas caravanas e establecía as gardas por parte de dous técnicos durante 15 días cumprindo con todos os protocolos de seguridade sanitaria evitando o contacto directo entre o persoal.
Cada quincena, estes traballadores son substituídos por outros dous, que realizan o mesmo servizo de mantemento das instalacións. As caravanas son desinfectadas periodicamente para garantir a seguridade dos empregados que as empregan. Outros desenvolven teletraballo realizando outras actividades.
Desde o Concello sinalan que se trata dun dispositivo necesario porque este espazo resulta fundamental para a subministración de auga e non se pode permitir ningún imprevisto que provoque o desabastecemento nas actuais circunstancias.
A empresa, pola súa parte, sinala que "a calidade e a seguridade da auga potable está garantida en todo momento. Os actuais procesos de tratamento e os parámetros de control da auga de consumo garanten a calidade sanitaria, non véndose afectada pola actual situación".
Na ETAP de Lérez xestiónese toda a auga da poboación de Pontevedra, ademais da municipios próximos como Poio, Sanxenxo, Marín e Bueu. Desta forma, aténdese a 160.000 habitantes de todo a contorna. A capacidade de tratamento é e 1.000 litros por segundo. As instalacións contan con dous depósitos de 15.000 metros cúbicos e 12.500 metros cúbicos.
Toda a auga que se regula desde esta planta procede de augas superficiais procedentes de dous puntos, o río Lérez e o encoro do Pontillón de Castro, situado na parroquia pontevedresa de Verducido.
Desde Viaqua afirman tamén que están en permanente contacto coas autoridades sanitarias para atender calquera circunstancia. E pon a disposición da poboación unha serie de canles non presenciais para calquera consulta que se precise.
Relacionadas:
-
Mergulladores traballan en Beiramar para evitar que a auga do mar chegue á depuradora
Por Alejandro Espiño |
-
Bueu apela ao consumo "moderado e responsable" de auga no verán
Por Redacción |
-
As filtracións no depósito máis grande da estación de auga de Pontevedra obrigan a reparalo a partir de setembro
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Portas pechadas, edificios vivos
Por Manu Otero |