'Galega 100%' consolídase como a referencia do leite de calidade
Por Redacción
A Marca de Garantía 'Galega 100%' é unha certificación, impulsada pola Xunta de Galicia, que avala e identifica o leite galego de calidade diferenciada e que garante a trazabilidade desde as granxas ata as casas.
Con nove anos de andaina, este selo de calidade consolídase no mercado lácteo, no que, ademais de leite, tamén contan con este distintivo queixos, xeados, iogures e outras sobremesas preparadas con leite galego.
'Galega 100%' nútrese do leite producido nas ganderías incorporadas ao Rexistro Galego de Explotacións de Calidade Diferenciada. Estas granxas deben cumprir uns requisitos de calidade excepcionais e superiores á esixente normativa comunitaria.
A posta en marcha desta marca responde á aposta da Xunta pola valorización do leite galego, unha vella demanda do sector.
SELO DE CALIDADE
Este selo saía ao mercado o 7 de febreiro de 2011 como a única identificación que avala o leite galego de calidade diferenciada. Deste xeito, 'Galega 100%' ofrece un produto da máxima calidade, suxeito aos controis dos servizos veterinarios oficiais da Xunta de Galicia e garantido pola certificación de calidade do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), organismo encargado tamén da realización das auditorías de seguimento para verificar o bo uso da marca.
O LIGAL analiza a diario os parámetros do leite, certifica a súa calidade e 700 profesionais sanitarios da Xunta velan pola garantía sanitaria do leite. Os servizos veterinarios oficiais da Xunta realizan cada ano máis de 2.700 controis de benestar animal nas explotacións de vacún, o 50% do total español.
Na actualidade, 'Galega 100%' está consolidada como a referencia indiscutible do leite de calidade producido e envasado en Galicia. Iniciaba a súa andaina con catro firmas comerciais (Leyma, Feiraco, Larsa e Deleite) ás que se foron sumando moitas outras marcas avaladas co selo de calidade 'Galega 100%'.
Ademais, existe unha web (www.galega100x100.gal) na que se pode consultar todo o relacionado con este selo, como os requisitos para ser 'Galega 100%' ou os produtos certificados como tal.
GARANTÍA PARA O CONSUMIDOR
Deste xeito, o selo 'Galega 100%' ofrece un produto da máxima calidade, que permite ao consumidor unha identificación fácil e sinxela, o que contribúe tamén á súa posta en valor no mercado. O comprador que escolla un produto no que aparece este distintivo, ten a seguridade de estar consumindo un produto de Galicia dunha calidade excepcional.
Para afianzar este selo de calidade entre os consumidores, vense desenvolvendo unha intensa actividade de difusión a través de iniciativas que poidan achegar toda a información necesaria na posta en valor deste selo de calidade, incluíndo o necesario labor de apoio e asesoramento aos diferentes axentes que interveñen nos procesos de produción, distribución e comercialización.
SECTOR ESTRATÉXICO
O lácteo ten a condición de sector estratéxico para Galicia. Na nosa Comunidade prodúcese case o 40% do leite de España e localízase máis da metade do total nacional de explotacións lácteas. A nivel europeo, Galicia sitúase entre as primeiras rexións produtoras de leite, ocupando actualmente o oitavo posto dentro da Unión Europea.
A Xunta, consciente da importancia do sector lácteo na economía galega, traballa na potenciación do selo de 'Galicia Calidade' para a posta en valor non só do leite galego senón tamén doutros produtos con denominación de orixe, indicación xeográfica protexida ou que cumpran requisitos de excelencia en produción ou transformación.
O obxectivo para este ano 2020 é dar a coñecer este novo impulso, mediante un plan de acción estratéxico dirixido a prescriptores nacionais e internacionais, cun calendario que se estrutura en tres chanzos: galego, nacional e internacional.
Ademais, cómpre resaltar que 'Galicia Calidade' vai ser, ademais, unha aposta transversal que se enmarca na 'Galicia Verde', a 'Galicia Innovadora', a 'Galicia Moza' e a 'Galicia Familiar'.