Poio reparte máis de 20.000 máscaras de protección entre a veciñanza
Por Redacción
Os maiores de 65 anos serán os primeiros veciños de Poio que recibirán as máis de 20.000 máscaras de protección contra o coronavirus que o Concello repartirá entre a veciñanza. Así o acordou a comisión de seguimento do COVID-19.
Unha vez estes colectivos estean cubertos, comezará a entrega de material ao resto da veciñanza. Será a agrupación de voluntarios de Protección Civil a encargada de realizar a entrega, vivenda por vivenda, nas cinco parroquias do municipio.
O goberno local fai fincapé en que o material será repartido sen necesidade de que as persoas teñan que desprazarse ou realizar xestións fóra dos seus domicilios para conseguilo.
Ademais, as máscaras tamén están a ser repartidas entre os profesionais dos sectores de primeira necesidade e entre os negocios que volveron a poñerse en funcionamento.
Estas máscaras encargadas serán dun só uso, dous como máximo. Trátase do mesmo tipo de unidades que tamén se están a repartir noutros municipios.
O Concello tamén facilitará vídeos para aqueles colectivos e cidadáns que estean interesados en elaborar máis unidades, mediante o uso de material que será achegado polo Concello.
A maiores, a comisión de seguimento acordou facer entrega á empresa responsable do servizo de axuda no fogar todo o material de protección homologado conseguido
APUNTES E LIMPEZAS NO RURAL
O departamento de Educación, pola súa banda, repartirá esta semana material escolar aos domicilios de 24 familias que se atopan en situación de extrema necesidade, o que imposibilita que os seus nenos puideran levar a cabo as súas tarefas escolares vía telemática.
Ao longo destes días o persoal municipal será o encargado de trasladar o material aos domicilios destas familias para que os rapaces poidan continuar cos seus estudos desde os seus domicilios mentres permanezan pechados os centros educativos.
A estas tarefas municipais con respecto ao coronavirus, Poio sumou nas últimas horas o reforzo das tarefas de limpeza e desinfección dos lugares de Vilariño e O Pereiro.
Trátase duns traballos que desenvolven varias brigadas compostas por persoal municipal, integrantes de Protección Civil e varios veciños que, de xeito totalmente altruísta, colaboran cos seus tractores fumigando estes espazos.
Nos próximos días, as brigadas continuarán traballando noutros emprazamentos do rural de Poio para completar o traballo que está a desenvolver a empresa responsable da recollida do lixo, Valoriza, que repasa dúas veces por semana as zonas rurais.
Relacionadas:
-
Poio recibe, a través de Afundación, un lote de máscaras confeccionadas en Vigo
Por Redacción |
-
Poio continúa co reparto de mascarillas no municipio
Por Redacción |
-
O Concello de Poio continúa coa repartición de material de protección aos colectivos máis expostos
Por Redacción |
-
A Policía Local de Poio ten identificados 15 veciños reincidentes en incumprir o estado de alarma
Por Natalia Puga |
-
Poio avanza na desinfección de zonas sensibles do municipio
Por Redacción |