Restauran o valado do parque infantil de Barcelos e renovan as papeleiras de madeira
Por Redacción
Aproveitando que o parque infantil de Barcelos, como os do resto de todo o municipio, están pechados pola alerta sanitaria do coronavirus, o departamento municipal de Parques e Xardíns completou una serie de melloras nestas concorridas instalacións.
Tratouse da restauración de todo o valado perimetral e a renovación das papeleiras de madeira. Esta actuación supuxo un investimento de 4.800 euros.
Os traballos incluíron a substitución dos traveseiros podres ou en malas condicións, o lixado e vernizado de todas as pezas e a instalación dalgunhas novas nos puntos de ancoraxe do valado.
Ademais, tamén se renovaron as bases de fixación de metal, que en moitos casos amosaban un avanzado estado de oxidación, de xeito que todos os elementos se atopan xa en perfectas condicións de conservación e seguridade.
O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, destaca a importancia de realizar estes traballos de mantemento nestes momentos para evitar posibles focos de infección e para telos listos para cando as medidas de confinamento se vaian levantando e os rapaces volvan a usar estes parques.