Así están a vivir os políticos locais o confinamento polo coronavirus
Por Alejandro Espiño
Os políticos municipais, do mesmo xeito que o resto da poboación, sofre nas súas carnes as medidas impostas polo Goberno ante o avance do coronavirus. Pero, afeitos velos en activo case a diario, moitos se preguntan que están a facer durante este confinamento?
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, só sae de casa para acudir a diario ao Concello para coñecer os datos e novidades acerca da pandemia. Pero a maior parte do día pásaa na súa vivenda de Marcón, en compañía da súa familia.
Dado que a súa muller, médico no Hospital Provincial, está en primeira liña fronte o coronavirus, el encárgase de toda a intendencia do fogar, especialmente da cociña, que é unha das súas grandes paixóns.
O resto do tempo "pásoo como todo o mundo", afirma. Botou man de lecturas pendentes e de series que lle recomendan os seus fillos para entreterse durante o confinamento. Iso e, segundo recoñece, "poñer en orde cosas para as que parece que nunca hai tempo".
No caso dos seus compañeiros de grupo, pola súa banda, aseguran que pasan esta corentena "como todo fillo de veciño", pero sobre todo mantendo encontros virtuais entre eles para coordinar o traballo municipal e departir sobre o avance da situación.
O tenente de alcalde, o socialista Tino Fernández, tamén dedica gran parte da súa xornada ao traballo diario. Faino compaxinando, por unha banda, as súas habituais chamadas á súa nai Lolita, de 84 anos, "que afortunadamente está perfectamente", e a amigos e compañeiros.
Para animar o seu confinamento asegura recorrer aos libros "por evasión", xogar a xogos de mesa coa súa familia e, sobre todo, facer exercicio durante 45 minutos diarios. "En casa pódese facer moito e de moi boa calidade con rutinas moi simples", asegura.
Yoya Blanco, por ser asmática, non sae nada de casa. "As compras fainas o meu marido", explica. Ela, ademais de supervisar o traballo municipal da súa área, Promoción económica, "xogo moitísimo ao Monopoly" coa súa familia e axuda aos seus dous fillos, de 8 e 5 anos, cos seus deberes.
Recoñece que a corentena "nos cambiou o horario" e que se deita moi tarde. Ademais, "cociño moito" e estes días adoita facer empanadas e tortas. "Non engordo pola máquina de andar e a tensión que teño ", asegura entre risas.
Conxugar esa vida profesional e familiar tamén é o reto de Iván Puentes. El e a súa muller teletraballan, polo que se turnan para coidar dos seus dous fillos. "Alternámonos para reproducir no posible o ambiente do colexio", sinala o edil socialista.
Xunto con sesións de cinema e xogos, o seu confinamento ten dúas actividades fundamentais: o exercicio físico "que procuro facer todos os días" e a súa recoñecida "obsesión compulsiva" pola limpeza. "Son moi maniático. Limpo sobre o que xa está limpo", recoñece.
Esa ansia pola limpeza tamén a comparte Paloma Castro. "Síntome un pouco Marie Kondo", subliña a responsable de servizos sociais, que dedica gran parte do día para atender "o meu maniático impulso pola limpeza e a orde".
Na medida do posible, polas súas dúas fillas, tenta manter a rutina "de sempre" e axúdaas nos seus estudos. Xunto a un traballo que, ás veces, desbórdaa un pouco, Castro reparte o seu tempo entre a cociña, sesións de cinema en familia e lecturas e xogos educativos coas súas fillas.
No traballo, pola súa banda, tamén se refuxiou Rafa Domínguez que, pola súa actividade médica, combate o coronavirus desde primeira liña. Iso si, como todos, pasa máis tempo en casa e unha das súas afeccións, os cómics, manteno entretido.
"Teño bastantes máis de mil", recoñece. Aproveita o confinamento para clasificar os últimos que adquiriu. "E ás veces rebusco por Internet para localizar coleccións que me falten", especialmente una das súas predileccións, as historias antigas de Batman.
Ademais, series como La casa de papel, a coreana Kingdom ou The Mandalorian, ambientada no universo Star Wars, mantéñeno entretido. Do mesmo xeito que El paciente, a novela de Juan Gómez Jurado que está a ler, e os deberes do seu fillo, cos que adoita axudarlle.
No caso de Pepa Pardo está a aproveitar que a súa carga de traballo como avogada é moito menor para avanzar na súa tese. Pero, sen dúbida, o seu "gran descubrimento" desta corentena foi o exercicio físico. "É algo que non facía na miña vida normal e agora encántame", afirma.
"Empecei con dez minutos diarios de cardio e xa vou por trinta", relata orgullosa. O resto da xornada dedícao a facer máscaras "porque vin un titorial en Youtube", á repostería e pasa moito máis tempo coa súa filla e, ademais "volvemos aos xogos de mesa".
Pendente da chegada da súa primeira filla está, mentres tanto Pablo Fernández. A súa muller xa saíu de contas polo que gran parte da corentena dedicárona a ultimar os preparativos. Ademais, está a aproveitar para adiantar traballos pendentes e asiste a formación online por parte do colexio de enxeñeiros.
O que non descoidou, desde logo, é a súa forma física. Adestra hora e media diaria no rodete mediante clases virtuais. O resto do tempo dedícao a ver series como Narcos ou The Crown e está "a ler moito", actualmente Silencio en Hanover Close, de Anne Perry.
Entre o teletraballo e o coidado dos seus dous fillos de sete meses e case dous anos, pasa case todo o seu tempo Ana Isabel Vázquez. "Temos a sorte que vivimos nunha casa con xardín e non estamos tan encerrados", recoñece. Algo que lle serve para estar algo máis entretidos.
"Os nenos márcanme o ritmo", afirma a edil do PP, que abandonou a súa rutina de correr xunto ao seu marido. Fóra de casa é imposible e, vistas as circunstancias, parece que dentro tamén porque "tentamos comprar unha cinta de correr pero están todas esgotadas".
Relacionadas:
-
Entrar nos 40 en corentena e cun 'Feliz Cumpleaños' permanente no salón
Por Natalia Puga |
-
Támara Echegoyen abandona o CEAR de Santander para seguir co confinamento na casa
Por Redacción |
-
Soños pontevedreses rotos polo coronavirus
Por Manu Otero |
-
O campo non entende de corentenas
Por Manu Otero & Cristina Saiz & Diego Torrado |